A Cámara de Santiago quere actualizar ás empresas na nube, no ecommerce e na mercadotecnia dixital

martes, 2 de maio do 2017 Redacción

A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela vén de pór en marcha un novo programa para facilitar a actualización dixital das empresas, autónomos e profesionais: ou sexa, a posta ao día arredor de ferramentas que lles poden ser vir (e moito) para incrementar eficacia, rendibilidade, presenza no mercado e competitividade. Estamos a falar do programa TIC Cámaras, unha nova convocatoria de axudas que se dirixe a achegar solucións de rendemento a través da incorporación de novas tecnoloxías, incentivando ás PEME para que incorporen ferramentas de produtividade na nube como por exemplo ERP, CRM (sistema de xestión de clientes), TPV (Terminais de Punto de Venda), loT (Internet das Cousas), Big Data (aproveitamento comercial da información masiva xerada nas redes) ou realidade virtual.
Tamén se porán en xogo recursos para a optimización de webs, tenda online, pasarela de pagos, facturación electrónica ou sinatura dixital. Asemade, subministraranse coñecementos de mercadotecnia dixital en canto ao emprazamento web, email marketing, redes sociais ou aplicacións móbiles.
Este servizo, informa a entidade compostelá, ofrece un diagnóstico gratuíto onde os técnicos camerais analizan o nivel de aproveitamento das tecnoloxías no negocio e recomendan diferentes opcións de mellora. Outra posibilidade do programa é a implantación dun plan de desenvolvemento tecnolóxico, subvencionado até un 80% polos fondos FEDER da Unión Europea para investimentos dun máximo de 7.000 euros, e o 20% adicional estará financiado pola Cámara de Comercio e as propias empresas beneficiarias. O empresario poderá elixir o provedor, que se encargará do proxecto e a Cámara de Comercio tramitará a axuda. O prazo de presentación de solicitudes abrirase a partir do vindeiro 12 de maio e pecharase o 31 de outubro de 2017.

PUBLICIDADE