A Canon LEGRIA mini facilita a gravación persoal de vídeo

mércores, 31 de xullo do 2013 Marcus Fernández

Atendendo ás demandas de gravación de vídeo persoal por parte de moitos creadores que gustan de rexistrar en vídeo as súas actividades ou videoblogs Canon presenta a nova cámara VIXIA mini, que está dotada dunha lente de ultra grande angular para poder gravar a pouca distancia e que está dotada dunha pantalla táctil abatible de 2,7 polgadas para o seu control (e para ver a imaxe que está a recibir) e Wi-Fi (facilitando a publicación dos contidos que rexistre en varias plataformas en liña sen mediación dun ordenador ou a través dunha aplicación móbil dispoñible para iOS).
A Canon VIXIA mini conta cun sensor CMOS de 12,8 Mpíxeles e un preocesador de imaxe DIGIC DV4, podendo gravar vídeo Full HD en MP4 e imaxes JPEG en tarxetas microSD, e o seu formato compacto e versátil (integra un pé para facer doado colocalo sobre distintas superficie ou adaptalo a trípodes e outros accesorios fotográficos) fai posible que o creador teña un grande control sobre as súas gravacións sen precisar de axuda doutras persoas. A cámara conta con numerosos modos de funcionamento para adaptarse á gravación de vídeos con comida e moda, actividades deportivas ou obxectos a curta distancia, podendo empregarse para facer gravacións a cámara lenta (a un cuarto de velocidade en resolución VGA ou a media velocidade a 720p) ou a cámara rápida (a 2x o a 4 x, para gravar actividades de certa duración como cociñar, maquillarse...).
Esta cámara chegará a Europa no mes de setembro a un prezo de 329 euros, aínda que cómpre destacar que o nome que recibirá no noso mercado será Canon LEGRIA mini.

A cámara estará dispoñible en branco ou en negro

PUBLICIDADE