A Casa das Asociacións de Santiago acolle unha nova xornada para garantir navegacións saudábeis nos fogares
luns, 13 de xaneiro do 2025
A Casa das Asociacións de Cornes, emprazada en Santiago, acollerá o vindeiro mércores unha nova xornada do programa de prevención das tecnoadiccións dirixido ás familias, que impulsa a concellaría de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude. A charla correrá a cargo da pedagoga Anabel Mosquera, experta en prevención de condutas de risco con menores. A concelleira María Rozas presentou as xornadas de prevención, que porá o foco nos recursos que se poden aplicar nas familias para garantir navegacións seguras, saudábeis, útiles e responsábeis.
O departamento de Xuventude impulsa as xornadas de sensibilización sobre a problemática das tecnoadiccións dirixidas ás familias, co obxectivo de “achegar ás nais e pais as claves para a educación das crianzas no uso dos dispositivos dixitais”.
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude explicou que “existen moitos estudos que alertan do problema da adicción ás pantallas na nenez e na adolescencia, e as administracións deben actuar para frear esta tendencia”. Este ciclo de charlas, que xa comezou en novembro, súmase a outras iniciativas do departamento de Mocidade, que se veñen desenvolvendo fundamentalmente nos centros de ensino.
O relatorio comenzará ás 18.30 na Casa das Asociacións de Cornes, con entrada libre e de balde. A charla correrá a cargo de Anabel Mosquera, pedagoga experta en prevención de condutas de risco con menores e as súas familias cunha ampla experiencia no desenvolvemento de programas de prevención e traballo educativo con menores e as familias. Na súa intervención tratará de achegar ás familias os riscos que implica unha exposición excesiva, non supervisada ou pouco segura ás pantallas e dará as claves para facerlle fronte ás dificultades que atopan as familias para establecer pautas e orientacións para un uso responsábel e saudábel das tecnoloxías.