A Cátedra CAMELIA lanza o I Certame Relatos IA é saúde

luns, 13 de abril do 2026 S. P.

A Cátedra USC-Plexus de Intelixencia Artificial Aplicada á Medicina Personalizada de Precisión (CAMELIA) inicia o seu programa divulgativo CidadanIA (CiudadanIA) coa convocatoria do I Certame de Relatos sen IA: IA é saúde. Trátase dun concurso que convida a reflexionar, en clave literaria, sobre as posibilidades, os límites, os riscos, as implicacións éticas e legais da intelixencia artificial na saúde, nun momento no que a IA está a transformar amplamente a investigación biomédica, a práctica clínica e os sistemas e modelos sanitarios.
O certame, dirixido a todas as persoas maiores de 18 anos, busca creacións literarias escritas en lingua castelá, “que vaian máis aló da mera descrición ou divulgación e expoñan un pensamento crítico sobre a relación entre IA e saúde”. O prazo para a presentación de textos estará aberto desde as 00.01 horas do mércores 15 de abril ata as 23.59 horas do venres 15 de maio de 2026.
Nas bases especifícase que baixo o lema IA é saúde, pero sen que sexa a IA a que substitúa ao pensamento humano, búscase fomentar unha mirada imaxinativa, crítica e plural sobre como a tecnoloxía inflúe —ou podería influír— nas nosas vidas. Por iso, os relatos presentados deberán ser integramente orixinais e non poderán ser elaborados, total nin parcialmente, mediante ferramentas
de intelixencia artificial.
Os relatos deben explorar a relación entre saúde e intelixencia artificial, facendo que o lector considere as súas aplicacións, límites, riscos e as implicacións éticas e legais. A organización fai saber que “non se buscan relatos meramente descritivos ou de divulgación do uso da aplicación da IA na saúde, senón creacións literarias, que aborden con realismo ou non temas propios do ámbito”. De feito poden ser relatos de ficción, fantasía, narrativa realista, humor…
O xurado estará formado por profesionais do ámbito tecnolóxico, sanitario e literario.