A Cátedra de Feminismos 4.0 promoveu un maratón creativo para combater as violencias na Rede

venres, 10 de novembro do 2023 S. P.

Tres artistas e deseñadoras formadas na UVigo compartiron este 10 de novembro, xoves, unha xornada de traballo conxunto na Casa das Campás, onde se desenvolveu o primeiro Maratón de Creacións Dixitais Feministas da Cátedra de Feminismos 4.0 Depo-UVigo, impulsada pola institución académica viguesa e a Deputación de Pontevedra co obxectivo de “incrementar a presenza das mulleres nas áreas STEM e de evitar que se reproduza a desigualdade de xénero no ámbito dixital”. O maratón, unha das novidades do programa da Cátedra para 2023, buscou xerar un conxunto de obras dixitais con licencia Creative Commons que puideran empregarse “contra as violencias de xénero nas redes”, como sinalan desde 7h Cooperativa Cultural, responsábel das dinámicas de traballo desta xeira de traballo.
Para esta iniciativa foron seleccionadas tres creadoras de diferentes ámbitos, que traballan por primeira vez conxuntamente neste proxecto.
Egresada da Facultade de Comunicación, unha delas foi a deseñadora gráfica Raquel Boo Anderson, quen foi fundadora do estudio Ekinocio Comunicación e que tomou parte activa no colectivo Gráficas en Negro, que traballa pola perspectiva de xénero no deseño. Graduada en Belas Artes e egresada do mestrado en Deseño e Dirección Creativa en Moda, a artista, poeta e deseñadora Lupita Hard foi outra das protagonistas deste maratón. O seu traballo esta vinculado ao mundo do grafitti, a arte contemporánea, o animalismo e o feminismo e é coñecida polas súas intervencións no ámbito urbano. Por último, este equipo de traballo completouse coa filóloga e artista multidisciplinar Xandra Táboas, graduada en Estudos de Galego e Español pola UVigo, quen emprega nas súas creacións elementos como a poesía, a escrita experimental, a instalación, as artes do movemento ou o vídeo e a fotografía.
Todas elas, acudiron a esta xornada co bosquexo dunha peza propia, co obxectivo de que servise como punto de partida para logotipo, a través dunha serie de dinámicas individuais e grupais, comezar a dar forma ás diferentes obras. Os resultados deste maratón presentaranse o vindeiro xoves 16, na Facultade de Comunicación, nunha nova edición do workshop Sociedade dixital e xénero Hackeando o patriarcado da Cátedra de Feminismos 4.0. Estas dúas actividades insírese á súa vez na programación da Unidade de Igualdade da UVigo con motivo do 25N.
Ecosistema dixital feminista: a feminisfera en construción será o lema da quinta edición deste workshop, que busca promover unha reflexión sobre a creación de contidos feministas e a construción da denominada “feminisfera ou ecosistema feminista online”, como forma de frear as novas estratexias patriarcais que se manifestan a través da misoxinia dixital da manofesra, a comunidade de homes que comparten contidos sexistas ou antifeministas nas redes. O obxectivo, sinalan desde a organización, “é coñecer como se está construíndo” esa feminisfera no ámbito dixital, a través da análise e do traballo das creadoras de contido e das artistas e activistas dixitais, “para así identificar, visualizar, tecer redes e reflexionar sobre a misioxinia presente” nas redes.
A xornada poderá seguirse tanto de xeito presencial, na Facultade de Comunicación, como a través de UVigo TV, e nela participarán mulleres referentes en xénero nos ámbitos da investigación, o xornalismo, a arte, a poesía, a ilustración ou a creación audiovisual. O evento arrancará coas intervencións da investigadora María Isabel Menéndez, centrada na análise feminista da comunicación na prensa, a publicidade, o cinema, a televisión e produtos culturais dixitais; a xornalista e ciberactivista Andrea Momoitio, socia fundadora da revista feminista Pikara Magazine. A continuación terá lugar unha mesa redonda na que participarán a ilustradora Sara Herranz, autora da reedición ilustrada de A muller rota de Simone de Beauvoir; a artista Gemma Marqués, responsable do espazo de creación alternativa La Casa Taller, na Guarda; e a poeta a creadora audiovisual Nuria Vil, coa directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez, como moderadora.
A xornada pecharase coa presentación das pezas resultantes deste maratón, que a partir de aí estarán dispoñibles para a súa descarga, á vez que se difundirán a través das redes socias co cancelo #Insumusers, que toma o seu nome dun colectivo francés de videoartistas da década de 1970. Así mesmo, durante a xornada tamén estarán expostos os pósters das seis investigacións financiadas pola cátedra neste 2023.

PUBLICIDADE