A Cidade da Cultura mostrará a exposición As miradas de Isaac a través de vídeo-conferencias

xoves, 17 de decembro do 2020 Pedro Pérez

O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura achegará a máis de 2.000 estudantes as exposicións a través de visitas didácticas por vídeo-conferencia, neste caso coa mostra As miradas de Isaac. A iniciativa vai dirixida a estudantes de último ciclo de Ensino de Primaria, de ESO e Bacharelato.
Estas emisións en liña amplían así ás de Galicia, de Nós a nós, que rematan o 15 de xaneiro coa participación de máis de 3.000 estudantes de 51 centros. Os alumnos asistentes profundarán na vida e proxectos de Díaz Pardo ao longo das 70 quendas que se emitirán do 20 de xaneiro ao 26 de marzo. É así que con esta incorporación, consolídase a iniciativa que naceu como unha alternativa para os centros de ensino ás saídas escolares programadas, limitadas por mor da pandemia da COVID-19.
Doutra banda, en canto rematen as exposicións de Galicia, de Nós a nós, comezarán as visitas didácticas a través de vídeo-conferencias de As miradas de Isaac. Esta última, permite achegarlles ós estudantes unha figura imprescindible da cultura galega do século XX, impulsor de achegas tan relevantes como Sargadelos, o Laboratorio de Formas, etc. Ademais, a presentación, dirixida polo persoal de guías do museo Centro Gaiás, permitirá ó alumnado e docentes intervir en directo.
Con esta iniciativa, a Cidade da Cultura proponse dar continuidade ao seu consolidado programa didáctico, que só en 2019 atendeu a 14.652 alumnos e alumnas de 640 grupos de Galicia, que se achegaron así ás exposicións, arquitectura e espazos naturais do Gaiás. Así, o Servizo de Educación, Medición e Atención ao Público do Museo pretende manter o contacto e interacción directa cos centros de ensino e alumnado no contexto actual.

PUBLICIDADE