A Coruña acolle o 2 de febreiro a oitava edición da LaconNetwork e a primeira dos Premios TIC-Galicia

xoves, 25 de xaneiro do 2018 Redacción

O venres día 2 de febreiro, celebrarase na Coruña (PALEXCO) a oitava edición-aniversario da LaconNetwork e a primeira dos Premios TIC-Galicia. A xornada desenvolverase cun gran programa con charlas, mesas de debate e entrega de galardóns. Á xeira de tarde engadirase un Demo Day da aceleradora Conector e unha nova iniciativa de pitching onde emprendedores de proxectos exporán a asistentes e investidores cadansúas propostas de negocio. Segundo informan os organizadores, este ano a novidade é que a xornada vén con dúas sesións: a xeira de mañá que será de entrada libre para todos os asistentes rexistrados na web, e maila sesión de tarde, que comeza coa sesión de traballo en rede LaconNetwork e que será exclusiva a asistentes que mercasen a entrada.
Trala inauguración do evento por parte do fundador do concepto, Frankie Gómez (director executivo de Confirmsign) haberá unha keynote de inicio da man de Telmo Pérez Luaces, xefe de Innovación no Grupo Acciona, que ofrecerá o seguinte relatorio: Entre corporacións e startups, quen acelera a quen?
Tamén haberá unha mesa de debate na que participan empresas como R, Estrella Galicia, ABANCA e Kaleido, que teñen aceleradoras e que participarán na xornada mostrando o seu funcionamento e máis os éxitos e os fracasos nas súas traxectorias coas firmas innovadoras impulsadas.
Durante o evento farase entrega dos primeiros Premios TIC-Galicia, fusión dos galardóns do Clúster TIC Galicia e os propios de LaconNetwork, que xuntan forzas neste evento para demostrar, en palabras dos responsábeis das entidades, “que sumar está no ADN das empresas e entidades TIC galegas”.
Como grandes novidades do formato, nesta edición presentarase o primeiro proxecto colaborativo impulsado por empresas LaconNetwork, o proxecto Hana, e desenvolverase o Pitch Lacon Estrella e o Demo Day da aceleradora Conector que será clausurado por Carlos Blanco, investidor en máis de 35 compañías dixitais.
A xeito de colofón final, celebrarase unha nova edición da xornada de traballo LaconNetwork, que, como lembraremos, foi votada recentemente como unha das mellores iniciativas de networking de todo o panorama estatal.
Temos o programa completo do encontro na súa web.

PUBLICIDADE