A Coruña lanza un programa de obradoiros para loitar contra as adicións dixitais

venres, 13 de abril do 2018 Redacción

O Concello da Coruña quere combater os malos hábitos derivados dun uso non axeitado das novas tecnoloxías, poñendo o foco no expostas que están as novas xeracións. Por este motivo, vén de activar un programa divulgativo para a prevención de adiccións dixitais para menores e familias que ten, entre outros obxectivos, a vontade de facilitar recursos á cidadanía para que sexa quen de detectar os primeiros síntomas do devandito problema. Ese é o obxectivo dos obradoiros que comezarán o vindeiro 15 de abril e que se desenvolverán, nun primeiro treito, até o 15 de xuño en varios centros cívicos da cidade, impulsados polo departamento municipal de Xustiza Social.
Os destinatarios desta proposta son crianzas e adolescentes, de 11 anos en diante, e as súas familias, a quen se lles achegará información sobre as Tecnoloxías da Información e a Comunicación, as TIC, e os perigos que se derivan dun uso indiscriminado das mesmas. Os obradoiros, que se inclúen dentro do Programa de Prevención de Drogodependencias, dividirán aos participantes por franxas de idade para informar dos usos correctos e incorrectos, así como dos riscos que estes últimos poden xerar, do ámbito dixital.
A asociación de loita contra a droga, ACLAD, será quen imparta estas actividades de divulgación, un total de 40 obradoiros (de 20 prazas cada un) que se prevé que cheguen a 800 persoas e nos que se falará de protección da privacidade, xestión da información ou videoxogos, ademais de ciberacoso, ciberchantaxe (sexting e outras modalidades) ou estafas de índole económica, entre outros contidos. As persoas interesadas en asistir a estes talleres deberán anotarse nos centros cívicos nos que se desenvolverán. Toda a información está na web do Concello.

PUBLICIDADE