A Coruña recoñece o talento argalleiro da nosa mocidade no XII Obradoiro e Concurso de Robótica

mércores, 24 de novembro do 2021 S. P.

O Concello da Coruña premiou o talento tecnolóxico dos estudantes galegos no XII Obradoiro e Concurso de Robótica. Segundo confirmou, un total de 23 centros educativos de toda a comunidade participaron no certame. Os galardóns entregáronse este luns 22 de novembro no Centro Ágora.
O concurso desenvolveuse entre os días 15 e 19 de novembro coa participación, como dixemos, de dúas ducias de centros educativos de toda Galicia e, concretamente, catro situados na cidade da Coruña: o IES Menéndez Pidal; IES Agra do Orzán; IES Salvador de Madariaga; CPR Franciscanos e Fundación Educativa Santo Domingo.
Na entrega de premios participou o concelleiro de Educación e Innovación, Jesús Celemín, quen amosou o seu interese polos proxectos presentados nun concurso orientado a que o alumnado sinta “a paixón pola aprendizaxe, execute traballos colaborativos para afrontar, de forma conxunta, a resolución de problemas e, ademais, desenvolva a súa creatividade e talento”.
Neste sentido, os centros educativos gañadores por categorías no XII Obradoiro e Concurso Galego de Robótica: A Maxia da Robótica foron os seguintes:
-De 1º a 4º da ESO: CPI de Atios (Valdoviño).
-Bacharelato e FP: IES Ramón Menéndez Pidal (A Coruña).
-Premio especial do Concello da Coruña: IES Agra do Orzán (A Coruña).
A maiores, o certame abriu as portas a un novo formato, inaugurado este ano, cun concurso de drons no que participaron dous alumnos de cada centro docente participante no concurso de robótica, cun total de cinco equipos de 1º a 4º da ESO e outros cinco de Bacharelato e FP. En virtude desta liña de actividade, os estudantes traballaron na disposición dos aparatos para facer un voo teledirixido nas instalacións do Centro Ágora, unha proba na que tiveron que sortear unha serie de obstáculos.
Trala exhibición e a posterior avaliación do xurado, anunciouse ós seguintes gañadores:
-De 1º a 4º da ESO: CPI de Atios (Valdoviño).
-Bacharelato e FP: IES de Brión (Brión).
Esta actividade, financiada polo Concello da Coruña co obxectivo de “estimular a creatividade dos participantes, impulsando tamén a formación tecnolóxica entre a xuventude galega”, foi promovida por Igaciencia.
O Concello publicou unha relación detallada dos equipos gañadores e dos seus integrantes en todas as categorías.

PUBLICIDADE