A Deputación da Coruña e o Centro Criptolóxico forman aos concellos en defensa contra ciberataques
martes, 28 de febreiro do 2023
A
Deputación da Coruña, en colaboración co Centro Criptolóxico
Nacional e a FEMP (Federación Española de Municipios e Provincias),
organiza estes días unha actividade formativa para protexer aos
concellos das principais ameazas en liña que poden poñer en risco a
súa xestión, as súas comunicacións e os seus datos.
O
curso Esquema Nacional de Seguridade (ENS) para responsables
de ciberseguridade das entidades locais vén con tres
xornadas de contidos, ao longo das cales os técnicos dos
concellos da provincia fórmanse sobre cuestións relacionadas coa
seguridade nos sistemas informáticos de de tratamento de datos dos
concellos e sobre o ENS, que proporciona ao sector público un marco
de acción común par afacer fronte ás ciberameazas.
O
deputado de Persoal, Economía e Facenda, Antonio Leira, foi o
responsable de inaugurar as xornadas. Leira destacou que a
Deputación “leva desde o ano 2015 traballando na adecuación dos
seus sistemas informáticos aos ENS e é unha das tres primeiras
deputacións de España con sistemas certificados”. Tamén lembrou
que a Deputación conta cunha oficina de técnica de ciberseguridade
para apoiar aos concellos neste eido e axudalos a conseguir a
certificación dos seus sistemas no ENS, así como para seguir
adecuando os sistemas da entidade provincial a este protocolo
nacional.
O
obxectivo do curso, explicou, é capacitar aos asistentes para a
adopción do Esquema Nacional de Seguridade nas súas respectivas
institucións como ferramenta facilitadora da seguridade dos seus
sistemas informáticos.
Asemade,
comentou que os contidos deste curso “están completamente aliñados
coa estratexia que a Deputación da Coruña está a poñer en marcha
para impulsar na provincia, de maneira conxunta e unificada, un Plan
de Adecuación ao Esquema Nacional de Seguridade e ao marco normativo
para os concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes”.
