A Deputación da Coruña entrega os premios PEL ás empresas de meirande empuxe innovador

xoves, 8 de xullo do 2021 Pedro Pérez

A Deputación da Coruña celebrou esta tarde en Oleiros o acto de entrega da IV edición dos premios PEL, uns galardóns cos que a institución provincial recoñece cada ano o talento e a innovación das empresas da provincia. “O traballo destas empresas contribúe á reactivación económica que tanto necesitamos tras a pandemia, crean emprego e permite que A Coruña siga a ser o motor económico de Galicia”, afirmou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.
O acto repartiu un total de 75.000 euros en premios, 15.000 euros para cada gañador. A empresa Albari S.L. recibiu o premio na categoría de mellor iniciativa empresarial nova, polo seu orixinal modelo de negocio que combina a actividade educativa e divulgativa en materia de astronomía, coa posibilidade de vivir a experiencia inmersiva en plena natureza poñendo en valor os recursos turísticos que a astronomía ofrece.
Pola súa banda, Galchimia foi galardoada na categoría de mellor iniciativa empresarial consolidada, por ser un referente internacional en química orgánica. Como novidade, nesta cuarta edición creouse unha nova categoría, a de mellor iniciativa innovadora na loita contra a COVID-19, na que resultou gañadora a startup tecnolóxica coruñesa BionisSupplychain Technologies por crear nun tempo récord e en plena pandemia un respirador artificial de baixo custe facilmente industrializábel, o respirador Freesterra.
Asemade, na categoría destinada ao concello promotor do emprego de calidade o galardón foi para o Concello de Brión, polas medidas implantadas a favor do fomento da iniciativa empresarial e o emprendemento, como a posta en marcha da cooperativa de transformación de produtos do agro DaquíDarredor.
En canto á categoría destinada a premiar ás mellores asociacións empresariais da provincia, o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (BIOGA) resultou galardoado pola súa contribución á mellora no posicionamento do sector biotecnolóxico galego. Ademais, houbo un recoñecemento á xornalista de El País, Sonia Vizoso, como a mellor comunicadora en materia de Emprego, Industria e Economía. “Hoxe premiamos ás empresas, pero sobre todo premiamos o talento e o esforzo das persoas que hai detrás”, afirmou o presidente para poñer punto e final á cuarta edición da entrega de premios PEL.

PUBLICIDADE