A Deputación da Coruña organiza unha xornada sobre a violencia machista dixital

venres, 24 de abril do 2026 S. P.

As novas violencias machistas dixitais foron o eixo sobre o que xirou a xornada que se celebrou onte no coruñés Museo de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT) e no que se reuniron persoas expertas de diferentes eidos. Co título: De Fronte, nace esta iniciativa orientada á prevención e á loita contra a violencia machista dixital organizada pola Deputación da Coruña.
A deputada de Igualdade, Sol Agra, subliñou que este encontro forma parte dun proxecto que naceu arredor da conmemoración do 25N, Día da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, mais que hoxe é unha “estratexia comunitaria consolidada que se desenvolve ao longo de todo o ano” ao longo da provincia, tanto en concellos como en centros de ensino e outras entidades.
Segundo a deputada, esta xornada responde á “preocupación” da Área de Igualdade “ante o avance dos discursos negacionistas e das correntes reaccionarias, fascistas, que pretenden disfrazar o machismo como elección ou estilo de vida”.
Baixo o título Non deixemos que o futuro nos leve ao pasado, o programa desenvolveuse en xornada de mañá e tarde en formato de conferencias e faladoiros, combinando análise experta e diálogo aberto, co obxectivo de compartir coñecemento, experiencias e propostas de acción.
Entre as persoas relatoras participantes atopábanse especialistas de referencia nos ámbitos da comunicación, a socioloxía, a enxeñaría e os estudos de xénero, chegadas de diferentes puntos do Estado. A xornada estruturouse en tres bloques temáticos centrados na análise da manosfera e das plataformas dixitais, os retos da intelixencia artificial en relación cos dereitos fundamentais e as novas estéticas de submisión e procesos de radicalización.
Para rematar, sinalar que ao longo do día tamén se desenvolveron espazos de conversa con creadoras e creadores de contido dixital, así como coa participación do colectivo Aventeira, achegando distintas voces e perspectivas arredor do impacto das violencias dixitais na sociedade actual.