A Deputación da Coruña prepara unha 2ª edición de Mercanavila.gal

luns, 8 de xuño do 2026 S. P.

A Deputación da Coruña anunciou que "tralo éxito da primeira convocatoria" traballa xa na posta en marcha dunha segunda edición de MercaNaVila, o programa pioneiro de apoio ao comercio de proximidade nos concellos máis pequenos da provincia. O eixe de actividades volverá ser a web mercanavila.gal, a plataforma oficial da iniciativa dende a cal as persoas usuarias poden facerse de balde cos seus bonos, consultar os comercios adheridos e localizar os establecementos máis próximos por concello ou sector.
O presidente, Valentín González Formoso, mantivo a semana pasada unha reunión co presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, para avanzar no deseño da nova campaña, prevista para o outono de 2026. Na mesma participou tamén a deputada de Emprego, Rosa Ana García.
O encontro serviu para facer balance dunha iniciativa que, segundo sinalaron, “superou amplamente as expectativas iniciais e que se converteu nun referente de apoio ao comercio local en Galicia”.
Así, na súa primeira edición, MercaNaVila puxo á disposición da cidadanía bonos desconto para realizar compras nos establecementos adheridos, “xerando un impacto económico de grande relevancia nas vilas e concellos pequenos e medianos da provincia”.
Para Formoso, as cifras acadadas en MercaNaVila 2025 "demostran que funcionou, que chegou á xente e que respondeu ás necesidades reais do comercio de proximidade".
MercaNaVila puxo á disposición da cidadanía descontos para realizar compras nos establecementos adheridos das vilas e concellos pequenos e medianos da provincia. A iniciativa pechou a súa primeira edición con máis de 93.000 bonos descargados, preto de 300.000 operacións de compra, 1.080 comercios participantes e 16 millóns de euros mobilizados en vendas no comercio local.
O presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, valorou “positivamente” a vontade da Deputación de manter o programa e destacou a importancia de que a nova edición se estea a deseñar en colaboración directa co sector.
Na reunión, Deputación e Federación Galega de Comercio coincidiron na “necesidade de seguir traballando de maneira coordinada para adaptar a nova edición ás necesidades reais do sector, simplificar a participación dos establecementos, reforzar a difusión da campaña e ampliar o impacto do programa no territorio”.
A Deputación enmarca MercaNaVila dentro da súa estratexia de apoio ao tecido económico local, á creación de emprego e á dinamización dos concellos de menor tamaño. O programa busca incentivar as compras nos negocios de proximidade, fortalecer o comercio tradicional e contribuír á actividade económica nas vilas da provincia.
A primeira edición deixou tamén unha importante pegada territorial. Concellos como Noia, Boiro, Ordes, Cee, As Pontes, Betanzos, A Pobra do Caramiñal, Melide, Arzúa ou Padrón rexistraron algunhas das cifras máis destacadas de vendas, evidenciando a capacidade da campaña para mobilizar consumo e xerar actividade económica en todo o territorio provincial.
Coa vista posta no outono, A Deputación e Federación Galega de Comercio iniciarán agora os traballos técnicos para definir os detalles da nova convocatoria, co obxectivo de consolidar e ampliar a iniciativa.