A Deputación de Lugo achégase aos cidadáns a través do móbil

xoves, 23 de maio do 2013 Marcus Fernández

JPEG - 39.6 KB
José Ramón Gómez Besteiro e Pablo Rivera presentaron a nova aplicación móbil da Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo deu a coñecer onte unha nova aplicación móbil de balde para permitir que os veciños da provincia poidan notificar dun xeito rápido e sinxelo calquera incidencia ocorrida en instalacións e vías públicas, tanto de titularidade do propio organismo lugués como dos 67 concellos da provincia.
A nova ferramenta móbil está xa dispoñible na App Store e en Google Play, e tamén facilita a inscrición en actividades e cursos organizados pola institución provincial e consultar as últimas novas da entidade e acceder ás redes sociais nas que está presente.
Aínda que algún concello como o de Culleredo xa deu este paso hai un par de meses, estamos ante a primeira deputación galega en optar por unha aplicación móbil para achegarse aos seus cidadáns, o que a opinión do director provincial de Novas Tecnoloxías, Pablo Rivera, supón “un antes e un despois na relación entre os cidadáns e a administración, e damos un paso máis na senda do goberno aberto: a nova liña estratéxica sobre a que traballamos na Deputación co obxectivo de mellorar a calidade democrática; a transparencia na xestión; e establecer unha relación interactiva cos veciños para ser máis útiles e responder mellor ás súas necesidades e demandas”.
Cómpre destacar que o rexistro de incidencias tamén está dispoñible vía web, de xeito que dende o ordenador ou outros dispositivos para os que non está dispoñible a nova aplicación móbil é posible comunicarse coa Deputación para dar conta dalgunha incidencia detectada por parte da cidadanía.

JPEG - 53.7 KB
A nova aplicación está dispoñible para Android e para iOS

PUBLICIDADE