A Deputación de Lugo capta máis de 1,2 millóns de euros de Fondos Europeos para modernizar os padróns municipais

venres, 26 de xullo do 2024 S. P.

A xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou esta mañá aceptar un investimento de máis de 1,2 millóns de euros de Fondos Europeos para desenvolver un novo proxecto que servirá para a modernización dos padróns municipais da provincia. Así o informou o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, quen explicou que o Ministerio de Política Territorial comunicou a súa decisión de conceder á institución provincial 1.260.000 euros para desenvolver o proxecto XeoPadrón.
Rivera Capón indicou que estes fondos, que forman parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia habilitado polo Goberno do Estado, beneficiarán aos 67 concellos da provincia e permitiranlles seguir mellorando o funcionamento dos propios Concellos e prestar así un mellor servizo público aos veciños e veciñas. “O que imos levar a cabo con esta importante dotación económica é a revisión en profundidade da información que o Instituto Nacional de Estatística ten en cada concello sobre os habitantes empadroados e as súas vivendas”, detallou, engadindo que “en concreto poñeremos en marcha un novo sistema de xestión da información sobre os territorios de ámbito municipal, revisando os datos do padrón que ten cada concello e contrastándoos cos que dispón o Instituto Nacional de Estatística (INE)”. Deste xeito, dixo, “o INE contará cunha información depurada, contrastada, veraz e actualizada en relación aos habitantes de cada municipio”.
Lembrou que actualmente a institución provincial ten en marcha diferentes proxectos grazas a que captou máis de 4 millóns de euros deste mesmo plan para o programa ImpulsaTIC, co que “levamos a cabo actuacións tan relevantes como integrar a administración electrónica dos concellos cos servizos da Administración Xeral do Estado, implantar postos de traballo intelixentes que permiten mellorar a resiliencia dos municipios, crear oficinas de asistencia en materia de rexistro, implantar un sistema de gravación nos plenos dos concellos da provincia, ou mellorar a accesibilidade das páxinas webs municipais, aumentando así a transparencia dos concellos”. Tamén lembrou outros programas como o Acelera Peme, co que “prestamos asesoramento a empresas da provincia en cuestións de dixitalización”.