A Deputación de Lugo celebra na Rede uns encontros de turismo para fortalecer o sector no seu regreso

xoves, 4 de xuño do 2020 S. P.

A Deputación de Lugo vai organizar uns encontros online de turismo ao abeiro da campaña En Lugo, Si destinados a favorecer a recuperación do sector. As xornadas Abrindo as portas foron dadas a coñecer este xoves 4 polo presidente José Tomé, xunto á deputada de Turismo, Pilar García Porto. Segundo fixeron saber, os encontros reunirán ao longo das dúas vindeiras semanas unha vintena de asociacións de profesionais e empresas, asociacións, entidades que traballan polo desenvolvemento do sector e organismos oficiais con competencias neste ámbito.
Participarán representantes da Secretaría de Estado de Turismo, a FEGAMP, o Xacobeo, a Mancomunidade da Mariña e o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, ademais de colectivos como Hostalería de España e a APEHL, e asociacións de turismo activo, guías, albergues, axencias de viaxes, vivendas turísticas, balnearios, turismo rural e comercio.
Celebraranse de maneira telemática os días 8, 10, 11, 15 e 17 de xuño. O acceso é libre e de balde e retransmitiranse en directo na canle de YouTube dos Servizos Audiovisuais. Aconséllase a inscrición en turismo@deputacionlugo.org.
Os foros Abrindo as portas: o rexurdir do turismo servirán entre outras cousas para analizar, debater e intercambiar opinións. “Teñen como principais obxectivos escoitar as necesidades do sector e as súas perspectivas sobre a reactivación do turismo, facilitar a adaptación con garantías a todo o que esixe a nova normalidade na actividade hostaleira e turística e compartir a visión dos retos e oportunidades que ofrece o novo escenario para o sector”, subliñou o presidente.
A deputada Pilar García Porto explicou que “o que queremos é facilitar todos aqueles recursos que poidan estar nas nosas competencias ao sector. O noso obxectivo é ser útiles e camiñar da man para que emprendamos esta nova etapa coas máximas certezas posíbeis, asesorados polos expertos axeitados e vendo máis alá da cuestión particular de cadaquén”.
Ademais, engadiu que “aquí imos falar da situación, por exemplo, dos balnearios e vivendas turísticas, pero tamén do Camiño de Santiago ou de comarcas como A Mariña ou a Ribeira Sacra”. Segundo fixo saber, “cada protagonista dos foros ten un prisma particular co que afrontar o turismo, pero todos teñen diversos puntos de encontro cos que trazar de forma conxunta unha senda pola que camiñar firmes e seguros para acoller aos visitantes e amosar o mellor da nosa terra, sen poñer en perigo en ningún caso a seguridade sanitaria que debemos ter presente en cada medida que adoptemos”.
Como dixemos, os encontros retransmitiranse en directo na canle de YouTube dos Servizos Audiovisuais e habilitaranse os comentarios para que o público deixe preguntas e comentarios para as persoas participantes. Haberá un moderador que lerá en directo esas interaccións en liña para enriquecer a conversa, resolver dúbidas e aclarar calquera cuestión.

PUBLICIDADE