A Deputación de Lugo e as asociacións locais inclúen as TIC nas súas actividades nos concellos

mércores, 4 de xaneiro do 2017 Redacción

O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, informou hoxe do programa da entidade que preside para o ano entrante en materia de accións culturais na provincia. En total, serán 545 actividades culturais a desenvolver en 56 concellos. Unha parte importante destas accións, artelladas a través de 407 asociacións (beneficiadas con 400.000 euros a través das axudas da entidade provincial, dende a área de Cultura), serán accións relacionadas coas novas tecnoloxías da información. Ademais, todas elas comparten o alicerce común de iren dirixidas a dinamizar o rural e, tamén, achegar formación de interese para os colectivos máis vulnerables (persoas con capacidades diferentes, mulleres, maiores, etc). Haberá obradoiros de informática ou de fotografía dixital, entre outras moitas materias.
Estas son as entidades que foron beneficiadas coas ditas axudas para a realización dos obradoiros e cursos: Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña, que recibe unha axuda para o funcionamento dunha aula de cultura en Cervo; a Banda de Gaitas de Caurel para clases de música en Folgoso do Courel; a APA do CPI de Cervantes para cursos de informática; a Asociación de Pais de Alumnos do CEIP de San Xoán de Becerreá para obradoiros sobre as emocións ou mecanografía; a Asociación de Mulleres Rurais a Carballeira do Páramo para cursos de restauración ou pintura; a Asociación Cultural Abrente para actividades de música e baile tradicional nas Nogais; a Asociación de Mulleres de San Bartomeu de Insua para obradoiros de liño ou tapices, entre outros, en Vilalba; a Asociación de Promoción e Integración Xitana de Lugo para cursos sobre a lingua, exposicións ou obradoiros; a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Monforte para o desenvolvemento dun proxecto cultural na comarca de Lemos; a Asociación de Xubilados de Taboada para a organización de cursos e eventos culturais; a Asociación de Persoas Xordas e Maiores de Lugo para encontros e xuntanzas; a Asociación de Síndrome de Down para o funcionamento dun grupo de teatro; a Asociación A Mariña COGAMI para obradoiros de fotografía e informática en Ribadeo; a Asociación de Pensionista e Xubilados de Riotorto para actividades culturais; AUXILIA de Monforte de Lemos para actividades culturais de integración; a Fundación ANADE para cursos de formación de teatro e fotografía, entre outros centos de exemplos.
As actividades culturais permanentes xa se poden consultar na Rede en formato PDF, ao igual que a listaxe de eventos puntuais.