A Deputación de Lugo expón no Tour de Talento as posibilidades de emprego de Reiníciate

mércores, 3 de maio do 2023 S. P.

O Tour do Talento recalou estes días en Lugo e unha das persoas encargadas de recibilo foio deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, Capón, que no marco desta xira presentou os detalles do programa Reiníciate. Trátase dunha iniciativa de formación transformadora que impulsa a Deputación de Lugo en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), dependente do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, para favorecer a transformación dixital das pequenas e medianas empresas, e persoas autónomas da provincia, e para fomentar a empregabilidade dos mozos e mozas, e dos parados de longa duración.
Rivera Capón explicou a iniciativa durante a mesa redonda Retos ASG nos Polígonos do Ceao e As Gándaras, celebrada na praza Horta do Seminario, compartindo foro co secretario xeral da Federación Galega de Asociacións de Parques Empresarias (FEGAPE), David Sobral.
O Tour do Talento, iniciativa impulsada pola Fundación Princesa de Girona co Concello de Lugo, desenvolverá ata o venres 50 actividades na capital da provincia para impulsar e poñer en contacto o talento dos mozos e mozas da provincia.
Reiníciate
Dende a Deputación de Lugo xunto coa Escola de Organización Industrial (EOI) preséntase este programa de apoio á dixitalización da mocidade da provincia de Lugo, dando resposta así á necesidade de inserción laboral que todos os mozos teñen. Deste xeito, reforzarase a empregabilidade e as competencias profesionais dos mozos desempregados que non estean integrados nos sistemas educativos ou formativos.
O catálogo de cursos, cen por cen de balde, inclúen os seguintes contidos: mercadotecnia dixital, informática (ciberseguridade e programación de aplicación para Android e iOS), dixitalización, loxística e sustentabilidade.