A Deputación de Lugo impulsa con Ben Empregado 4 a presenza de comunnity managers nas firmas da provincia

luns, 25 de setembro do 2017 Redacción

A Deputación de Lugo vén de anunciar a apertura (este martes 26) do prazo de axudas para impulsar a contratación de persoas desempregadas no seo das entidades da provincia (un mínimo de 150 empresas e colectivos para contratar a outras tantas persoas no paro). A iniciativa, a cuarta edición de Ben Empregado, foi debullada polo deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, e a deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo. Segundo fixeron saber, o plan vén con 2,2 millóns de euros, e atinxirá a pequenas e medianas empresas, autónomos e colectivos lucenses. Poderán solicitar axudas de até un máximo de 22.000 euros coas que asumir, durante 1 ano, os custos pola contratación de novos traballadores do ámbito provincial. Lembrar que entre os postos máis impulsados nas anteriores entregas de Ben Empregado figura o de community manager. Ao abeiro desta etiqueta figuran os profesionais que constrúen, xestionan e administran comunidades en liña arredor dunha marca en Internet.
Os deputados engadiron que Ben Empregado 4 responde a un duplo obxectivo do Goberno provincial: por unha banda combater a taxa de paro na provincia (“xerando postos de traballo de calidade ao incorporar cláusulas sociais nos contratos para salvagardar ou mellorar os dereitos laborais dos traballadores”) e, pola outra, “contribuír ao pulo da actividade do tecido empresarial e asociativo da provincia na procura da dinamización da economía lucense”.
Novamente, segundo se reflectiu na información achegada, unha parte importante do programa irá destinado a fomentar o emprego relacionado coas novas tecnoloxías. Por exemplo os devanditos profesionais community managers, técnicos en informática, especialistas en mercadotecnia dixital ou responsábeis de proxectos transmedia.
Abránguense tres liñas de financiamento: financiamento ao 100% dos custos laborais de novos traballadores en empresas da provincia cando se traten de persoas “con capacidades diferentes ou en risco de exclusión laboral”; financiamento ao 90% dos custos laborais de novos traballadores en colectivos sociais lucenses para “contribuír á importante actividade que desenvolven na provincia en atención á cidadanía”; e financiamento ao 50% dos custos laborais de novos traballadores en xeral en empresas de toda índole e da provincia.
Á hora de conceder as axudas, Santos Ramos e López Izquierdo recordaron que se van favorecer as empresas e colectivos que “non se teñan beneficiados das anteriores edicións co obxectivo de chegar a máis xente; ás que ofrezan contratacións indefinidas do posto subvencionado, medidas específicas de conciliación laboral a todo o cadro de persoal, de protección do medio ambiente ou de responsabilidade social e corporativa”. Ademais, dixeron, “dentro da nosa aposta por unha Deputación coas persoas e social, valorarase, positivamente, que os promotores das entidades sexan de nova creación, impulsadas por mulleres, mozos de entre 16 a 35 anos ou maiores de 45”.
López Izquierdo apuntou as obrigas das entidades e colectivos que resulten subvencionados: aceptar o traballador asignado pola Deputación e mantelo no seu cadro de persoal durante un período mínimo de 12 meses de duración; manter o cadro de persoal, incluíndo aos anteriores traballadores das edicións do Ben Empregado, durante a vixencia deste programa; facilitarlle ao contratado os medios técnicos necesarios para o desenvolvemento das súas tarefas; ou achegar ao organismo provincial nos primeiros 10 días do mes a nómina e xustificante de pago do traballador correspondente.
As entidades e colectivos sen ánimo de lucro da provincia interesadas en participar nesta cuarta edición do Ben Empregado deberán presentar no rexistro da Deputación (ou por calquera das formas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas) a documentación que se atopa en www.deputacionlugo.gal. Concretamente, no espazo habilitado do Ben Empregado, onde figurarán os anexos I ao X con toda a información.
Preto de 650 novos empregos
Coas tres primeiras edicións do Ben Empregado, o Goberno que preside Darío Campos leva xerado polo de agora un total 644 novos empregos. Co Ben Empregado 1, que é o único que está pechado, xeráronse 234 postos de traballo, que ocuparon 130 son homes e 104 mulleres da provincia. A inserción laboral desta primeira edición, é dicir, o número de persoas que seguen a traballar logo de rematar a subvención da entidade provincial, é do 30%. Co Ben Empregado 2, cando fica un 20% de empresas ás que adxudicar traballador, lévanse xerado até o de agora 287 empregos, que ocupan 168 homes e 119 mulleres da provincia. Co Ben Empregado 3 son até o de agora 123 os desempregados lucenses que traballan xa.

PUBLICIDADE