A Deputación de Lugo leva a Pobra do Brollón os obradoiros dixitais de E para Dixitalizarse Lugo

luns, 5 de xaneiro do 2026 S. P.

A Deputación de Lugo e o Concello de Pobra do Brollón arrincan 2026 con formación tecnolóxica para a veciñanza do rural, materializada a través do programa provincial E para dixitalizarse Lugo. Achegaranse dous cursos formativos a través dos cales as persoas participantes poderán pór a punto a súa capacitación tecnolóxica e as súas habilidades dixitais básicas. Serán dúas actividades presenciais e gratuítas, a celebrar do 12 ao 29 de xaneiro en horario de mañá (de 10.00 a 13.00 horas) na Casa da Cultura Olga Novo.
A primeira cita formativa, O teléfono móbil, primeiros pasos, será os días 12, 13, 14, 15, 16, 19 e 20 de xaneiro. A finalidade é familiarizar ás veciñas e veciños no emprego básico do teléfono móbil (como configurar o dispositivo, utilizar aplicacións de uso cotián como a mensaxería instantánea, redes sociais ou mapas, ciberseguridade e medidas de protección para garantir un uso saudable e protexido dos trebellos).
O segundo obradoiro, Sinatura dixital/ Ch@ve 365/ Certificados varios. Aplicacións do SERGAS, Facenda. Actuar ante as administracións públicas, sede electrónica levarase a cabo os días 21, 22, 23, 26, 27, 28 e 29 de xaneiro. O obxectivo é que “as persoas participantes aprendan, dun xeito sinxelo e práctico, a desenvolverse no contorno dixital das administracións públicas”.
Cada curso ten 12 prazas e as inscricións cómpre formalizalas na web de E para Dixitalizarse Lugo ou na páxina municipal de Pobra do Brollón.
Ante calquera dúbida cómpre contactar coas oficinas de Servizos Sociais do Concello da Pobra do Brollón no teléfono 982 430 447.
O programa E para Dixitalizarse de Lugo ten como obxectivo “achegar as novas tecnoloxías á veciñanza, reducir a fenda dixital e fomentar a inclusión no territorio”. O proxecto está financiado con fondos europeos captados pola Deputación ao abeiro do Reto Rural Dixital, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea, e desenvolverase ata o 20 de marzo de 2026.
Estamos ante unha proposta pioneira coa que a institución provincial levará formación en competencias dixitais á veciñanza dos 55 concellos da provincia con menos de 5.000 habitantes, quedando fóra só os municipios máis poboados: Lugo, Monforte de Lemos, Viveiro, Vilalba, Sarria, Foz, Ribadeo, Burela, Chantada, Guitiriz, Outeiro de Rei e Castro de Rei.
A programación inclúe 500 accións formativas centradas nas Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC), e está adaptada a diferentes perfís e idades. A formación abrangue desde o uso de aplicacións móbiles ou a banca electrónica para persoas maiores, ata contidos de informática básica, redes sociais ou ciberseguridade para a mocidade, persoas desempregadas ou emprendedoras. Tamén se ofrecen obradoiros dirixidos a familias sobre os riscos de Internet ou o uso responsable dos dispositivos.