A Deputación de Lugo loce novas ferramentas turísticas en Xantar

mércores, 5 de febreiro do 2020 Redacción

Entre as moitas entidades galegas que están a participar no salón Xantar de gastronomía e turismo que se celebra estes días en Expourense (ata o 9 de febreiro) atópase a Deputación de Lugo, cuxa presenza na referencial feira de exaltación dos nosos produtos típicos (e dos nosos xeodestinos) está marcada polo tecnolóxico. De feito, unha parte da intervención de hoxe da deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, xirou arredor das aplicacións da Deputación destinadas á promoción de Lugo e os seus concellos no mundo. A deputada participou na inauguración da 21 edición de Xantar.
A Deputación de Lugo promoverá a provincia e os seus produtos gastronómicos entre os centos de persoas que participan en Xantar, pois contará cun espazo propio durante os cinco días que dura o evento. No stand da entidade poderanse degustar alimentos típicos lucenses, como viño da Ribeira Sacra, embutidos de Porco Celta e galletas da Veiga. Ademais, ofrecerase material divulgativo con folletos promocionais dos concellos, das Denominacións de Orixe, e tamén das tres Reservas da Biosfera da provincia.
Ademais, dentro da estratexia de apostar polas innovacións tecnolóxicas na promoción do territorio, García Porto abriu a súa axenda de intervencións poñendo o foco nas dúas aplicacións para móbiles que vén de impulsar a Deputación, Inventrip e Lugo 360.
A primeira, explicou a deputada, é unha app gratuíta que inclúe información sobre uns 2.500 puntos de interese, entre elementos do patrimonio cultural e natural, rutas, artesáns, bodegas, empresas de turismo activo, restaurantes e establecementos turísticos. Trátase pois dun conxunto de información que lle permite ao visitante trazar unha ruta para chegar aos lugares que máis lle interesan ou poder descubrir os recursos que están máis preto da súa posición.
Polo que respecta a Lugo 360, é unha aplicación de balde que, a través da Realidade Aumentada permite facer unha viaxe a 25 localizacións da provincia a través de calquera dispositivo móbil. A ferramenta, unha app inmersiva, abre unha xanela virtual que permitirá ao usuario facer unha visita a calquera dos catro xeodestinos da provincia de Lugo (Ancares-Courel, A Mariña, Lugo-Terra Chá e Ribeira Sacra), co fin de motivalo a que faga unha visita real.