A Deputación de Ourense encara o despoboamento no rural con tecnoloxías vangardistas de teleasistencia

mércores, 27 de novembro do 2019 Redacción

A Deputación de Ourense quere mellorar con avances tecnolóxicos a cobertura que lle achega á veciñanza dos concellos, poñendo o foco naqueles de “máxima prioridade demográfica”. Nesta liña sitúase o novo programa de teleasistencia para a provincia que presentou a Deputación a pasada semana, a través do cal habilitaranse ferramentas dixitais avanzadas nos concellos máis illados e máis despoboados. En temos máis concretos, aplicaranse tecnoloxías de xeolocalización e de monitoraxe de riscos para a detección automática de potenciais situacións de perigo que puideran ter os beneficiarios.
O obxectivo, segundo afirmou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, é “poñer a disposición dos usuarios da nosa provincia uns recursos novos que permitan mellorar o servizo de teleasistencia, prestando unha atención integral e personalizada”.
Esta iniciativa, que coordina a deputada provincial de Reto Demográfico, Igualdade, Benestar e Emprego, Luz Doporto, xa se está a implantar en diferentes municipios e suporá, nas súas palabras, “importantes melloras para os usuarios do servizo provincial de teleasistencia”. Segundo engadiu, incluiranse no programa apoios tecnolóxicos complementarios dentro e fóra do domicilio, o que permitirá “a detección automática de potenciais situacións de risco, grazas á interconexión dos servizos de información e dos profesionais de referencia do sistema sociosanitario”.
Baltar e Doporto explicaron que ao abeiro desta iniciativa, “os domicilios das persoas en seguimento serán o centro de atención”, e as novas tecnoloxías aplicadas, supervisadas por profesionais, “actuarán como instrumento para favorecer a permanencia da persoa no seu entorno sociocomunitario de maneira activa, conectada e informada, sendo unha das características principais deste sistema a atención individualizada dos usuarios”.
Boa parte das persoas beneficiadas pola nova nova teleasistencia contarán cun servizo móbil de xeolocalización, que permite a atención de situacións críticas en calquera lugar fóra dos seus domicilios, localizando a posición xeográfica da persoa. A incorporación deste cambio significa que a atención (que se limitaba ao tempo que a veciña ou veciño ficaba na súa vivenda) pasa agora a abranguer a totalidade do día, con independencia do espazo físico no que se atope a persoa. Asemade, para aqueles perfís de usuarios nos que sexa aconsellábel, “instalaranse detectores de situacións de risco mediante dispositivos que sinalizan e informan de maneira inmediata e automática tanto no domicilio como na central de alarmas sobre fugas de gas, incendios, escapes de auga ou caídas”, informaron Baltar e Doporto, engadindo que tamén se habilitarán “detectores de cambios nos patróns normais de actividade, empregando detectores de movemento instalados estratexicamente nos domicilios, así como dispositivos portátiles en forma de pulseira e sistemas de detección de apertura e peche de portas (frigoríficos, porta de entrada e saída do domicilio...)”.
As persoas usuarias ás que se lles vai ofertar a posibilidade de transformar o actual servizo de teleasistencia serán aquelas que residen en municipios da provincia de prioridade demográfica de grao III, en virtude da cualificación que nos programas da Área de Benestar da Deputación de Ourense teñen as entidades locais da provincia. Teñen esta cualificación os municipios de: Beade, Os Blancos, Boborás, Calvos de Randín, Chandrexa de Queixa, Gomesende, Larouco, Manzaneda, Montederramo, Porqueira, San Xoán de Río, A Teixeira e Vilariño de Conso.

PUBLICIDADE