A Deputación de Pontevedra organiza en maio máis de trinta obradoiros TIC para autónomos e PEME

martes, 3 de maio do 2016 Redacción

JPEG - 405 KB
A fachada do punto CPAE 2.0 de Lalín

<A Deputación de Pontevedra vén de anunciar un novo feixe de actividades formativas e divulgativas para autónomos e PEME da provincia: máis de 30 obradoiros a desenvolver durante as vindeiras semanas nos diferentes emprazamentos (Lalín, Cambados, Pontevedra, Vigo, Ponteareas e Porriño) do Centro Provincial de Asesoramento Empresarial (a Rede CPAE 2.0, conxunto de centros atendidos por técnicos especializados e novas tecnoloxías). Nesta trintena de actividades a desenvolver no mes de maio nas devanditas localidades poderán participar 64.000 autónomos e PEME da provincia, que segundo sinala a Deputación constitúen o 92% do tecido empresarial pontevedrés.
As actuacións previstas polo CPAE 2.0 seguen a liña de experiencias formativas e divulgativas previas: o obxectivo é axudar aos autónomos e ás PEME a mellorar os seus negocios a través das novas tecnoloxías, “logrando así un aumento da produtividade, introducindo a innovación nos procesos produtivos e servizos, facilitándolles a implantación do comercio electrónico e creando unha nova canle de venda online de produtos e servizos”.
En concreto, a Deputación organiza trinta e seis obradoiros sobre novas tecnoloxías para este mes de maio. Impartirase un curso titulado Elixe a túa plataforma de comercio electrónico en Cambados o 5 de maio, en Ponteareas o 7, en Lalín o 10, no Porriño o 12, en Vigo o 18 e en Pontevedra o 31. O curso Redes sociais para a empresa: É Twitter a túa solución? terá lugar en Cambados o 10 de maio, en Pontevedra o 13 e en Lalín o 23.
O curso Xestión da túa empresa: Facturación e ferramentas integradas desenvolverase en Ponteareas o 19 de maio, en Vigo o 27 e en Lalín o 30. O curso Google Analytics: Iniciación á analítica web impartirase en Ponteareas o 11 de maio e en Pontevedra o 24. O curso A túa páxina web con Wordpress farase en Vigo o 14 de maio, no Porriño o 20 e en Cambados o 21.
O curso Rendibiliza o teu perfil profesional en redes sociais impartirase en Vigo o 6 de maio e no Porriño o 31. O curso Fotografía os teus produtos ou servizos para as redes sociais realizarase no Porriño o 9 de maio, en Cambados o 16 de maio e en Pontevedra o 26. O curso Desenvolve a túa propia estratexia de E-mail marketing será no Porriño o 3 de maio e en Ponteareas o 25.
No centro de Pontevedra tamén terá lugar o curso Facebook Ads o 4 de maio e Como crear unha APP e non morrer no intento o 18 de maio. En Vigo tamén se oferta o curso Comercializa os teus servizos a través das redes sociais o día 11 de maio, Google Analytics: Interpretación dos datos e tomas de decisións o 23 e Xestión da túa empresa: Facturación e ferramentas integradas o 27 de maio.
No Porriño desenvólvese ademais o 26 de maio o curso Emprego de vídeos nas redes sociais: Youtube, Periscope…. . En Lalín haberá ademais o curso Edición de fotografía para plataformas de comercio electrónico o 4 de maio, así como Sácalle partido á túa conta de Gmail o 19 de maio e Mostrario virtual: a fotografía é o produto no medio en liña o 25 de maio. En Ponteareas tamén se poderá realizar o curso Fotografía con Smartphone: PIXLR para Android e IOS o 13 de maio. En Cambados impartirase ademais Como facer unha campaña exitosa de publicidade en Google o 12 de maio e Medios de pago: novas tecnoloxías aplicadas aos pagamentos o 25.
As persoas interesadas nestas actividades de formación teñen toda a información na páxina web do CPAE, cpae20.depo.es ou no seu teléfono 886 202020.

PUBLICIDADE