A Deputación estrea a web arquivos.depo.gal

xoves, 24 de xuño do 2021 S. P.

A Deputación de Pontevedra presentou esta semana unha nova web, arquivos.depo.gal, destinada entre outras cousas a facilitar a busca de publicacións da entidade, o acceso ás novidades da biblioteca do Arquivo ou a consulta histórica do boletín e dos recursos cartográficos da institución. A web foi dada a coñecer nos seus detalles pola deputada responsable da área, María Ortega, que destacou que a ferramenta achega “unha inxente cantidade de documentación e servizos a disposición da cidadanía cunha nova imaxe máis intuitiva, atractiva e accesible”.
Ortega tamén puxo o foco na “necesidade” de renovar a actual web, xa que a vella “non permitía poñer en valor o relevante traballo realizado no departamento” nin servir de complemento ao buscador AtoPO, estreado a finais de 2019.
A web de arquivos da Deputación foi froito de varios meses de traballo e sae á luz grazas ao Departamento de Patrimonio e o de Novas Tecnoloxías da Deputación, segundo dixo a deputada Ortega, "nun momento, desde a pandemia, no que se teñen multiplicado as visitas, polo que entendemos que os contidos e as novidades van ter moi boa acollida, sobre todo grazas á súa nova aparencia e estrutura máis adecuada cos tempos actuais".
O portal terá seis seccións que explicarán o traballo das áreas de Arquivo, Biblioteca, Audiovisual, Cartoteca e Editorial, incorporándose como novidade un apartado destinado á Memoria Histórica, un dos eixes de Goberno que se queren potenciar neste mandato.
A xefa do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico Ana Vicente, pola súa banda, destacou que aos contidos “de sumo interese” que xa facilitaba a web súmase agora unha renovación que os presenta de maneira sinxela, atractiva e dinámica: "Pretendemos que sexa unha invitación á cidadanía a acceder para aumentar a súa bagaxe intelectual" cos recursos dos que dispón o departamento, destacou.
En canto á vertente técnica, a web esta desenvolvida seguindo os últimos estándares de HTML5 e CSS. Entre as moitas modificacións técnicas introducidas destacan “a simplificación da navegación para facela máis cómoda para as persoas usuarias, facilitando a consulta de contidos en menos clips e o redeseño, acorde ás últimas tendencias e estándares de deseño”, explicaron, engadindo que o portal foi deseñado en responsive, polo que se pode consultar desde calquera dispositivo, tanto desde computadores, tabletas e móbiles grazas ao seu deseño adaptado. Ademais a web está desenvolvida seguindo todos os estándares e principios de accesibilidade.