A Domus acolle a Feira Imaxina Coruña, un encontro de ciencia e tecnoloxía para a mocidade

xoves, 24 de abril do 2025 S. P.

Promover a ciencia e a tecnoloxía entre a mocidade é o obxectivo da Feira Imaxina Coruña 2025, un encontro que se celebrará este vindeiro sábado, 26 de abril, na Domus. Trátase dunha xornada aberta á cidadanía que porá en valor o traballo realizado por 56 estudantes de oito centros educativos da cidade. Ao longo da mañá, de 10 a 14.15 h, a rapazada exporá os seus proxectos, optarase aos premios do concurso e o público poderá gozar dun espectáculo científico titulado Explorando o cerebro, a cargo de David Ballesteros.
Segundo o concelleiro de Educación, Juan Ignacio Borrego: "esta feira representa o compromiso do Concello por fomentar entre o alumnado a vocación científica e tecnolóxica a través de experiencias prácticas e creativas que responden aos desafíos do noso tempo".
Cómpre sinalar que a iniciativa culmina a cuarta edición do programa educativo impulsado polo Concello, organizador do encontro a través dos Museos Científicos Coruñeses e a empresa Ceo Aberto, e que se desenvolveu ao longo do curso baixo o lema: Auga limpa, futuro sostible. Os 14 proxectos finalistas, seleccionados por un xurado especializado, abordan cuestións ambientais e sociais desde unha perspectiva innovadora e comprometida.
Engadir que o certame outorgará varios premios, entre os que salienta unha viaxe á feira científica Zientzia Azoka, en Bilbao, para os equipos gañadores. Asemade, entregarase un cheque agasallo de 500 euros ao centro educativo de cada grupo premiado, encamiñado á adquisición de material científico e tecnolóxico, e recoñecerase o mellor vídeo-relato dos proxectos mediante votación popular.
Por último, dicir que a xornada será de acceso libre ata completar capacidade nos distintos actos programados, reforzarase o carácter participativo e divulgador da iniciativa.
O programa da xornada do sábado 26 de abril é o seguinte:
· 10.00- 13.00 h: Exposición de proxectos por parte do alumnado participante
· 10.00- 12.00 h: Visita do xurado aos proxectos
· 13.00 h: Entrega de premios (aforo limitado)
· 13.30 h: Espectáculo científico Explorando o cerebro, por David Ballesteros (capacidade limitada)
· 14.15 h: Peche da feira