A Domus estrea unha sala de experiencias interactivas para o público infantil
martes, 13 de xaneiro do 2026
Coa finalidade de “ofrecer experiencias enriquecedoras e adecuadas para os primeiros anos de nenas e nenos”, a Domus da Coruña (museo dedicado ao ser humano pertencente ao servizo municipal Museos Científicos), creou unha exposición interactiva de ciencia e tecnoloxía especialmente deseñada para este público, que leva por nome MiniDomus.
A alcaldesa, Inés Rey, visitou este luns o espazo acompañada polo director de Cultura, Uxío Novo, e o director dos Museos Científicos Coruñeses, Marcos Pérez.
Segundo explicaron, MiniDomus contén sete ámbitos que inclúen módulos interactivos baseados no xogo, o fomento da curiosidade e as habilidades propias da infancia.
Neles os nenos e nenas de menor idade poderán explorar a presión do aire lanzando pelotas por distintos percorridos e descubrir cal é o máis rápido, xogar coa luz e as cores, creando obras luminosas, construír e experimentar con engrenaxes, poleas e manivelas, probar o equilibrio e a gravidade montando estruturas en superficies con diferentes ángulos, crear máquinas móbiles con rodas, eixos, cordas e circuítos en zigzag, dar forma a ideas con pezas de construción, usando rodas, soportes e parafusos de bolboreta, e deixar voar a imaxinación creando mundos con grandes bloques, desde dinosauros ata naves espaciais.
"Coa apertura deste novo ámbito, amosamos unha vez máis o compromiso do Goberno municipal coa ciencia e a tecnoloxía e a súa divulgación entre a cidadanía, buscando especialmente que os máis pequenos sintan interese por ela", indicou Inés Rey. MiniDomus será ademais o punto de partida para a realización doutras actividades, tales como obradoiros temáticos ou espectáculos no salón de actos, que poden complementar á exposición, abrindo así un espazo único de participación para un público que non adoita participar en accións de ciencia e tecnoloxía.
Explicaron tamén que “o espazo MiniDomus nace co obxectivo de ofrecer ao público infantil, acompañado de familias e persoal educador, unha experiencia de achegamento á ciencia e á tecnoloxía que fomente as súas habilidades e sente as bases para mellorar a súa futura educación neste ámbito da cultura”.
MiniDomus está deseñado polo equipo técnico dos Museos Científicos Coruñeses e conta coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía, do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.
