A Escola EspadELA leva a formación TIC ás mulleres de Valdoviño, Cabanas e As Pontes

venres, 18 de setembro do 2020 S. P.

Os concellos de Valdoviño, Cabanas e As Pontes van acoller unha nova edición de EspadELA: Escola de Apoderamento Feminista de Mulleres do Rural, unha iniciativa de inclusión, dinamización e desenvolvemento que ten un piar firme nas novas tecnoloxías, non só como canles e transmisoras de coñecemento e recursos, senón como tema-contido das actividades. O programa vén con catro obradoiros que combinan formación presencial e a distancia a través do apoio das novas ferramentas. Un dos obradoiros, Enredad@s, céntrase no fortalecemento da formación dixital.
Polo que respecta ás actividades previstas para Valdoviño, o Concello informou de que xa está aberto o prazo de inscrición. Así, as mulleres interesadas en tomar parte deben inscribirse enviando un correo electrónico a servizos.sociais@concellodevaldovino.com ou no teléfono 981 48 70 41 extensión 5. O prazo conclúe o 25 de setembro e todos os obradoiros se desenvolverán no local social de Vilaboa (antiga unitaria) os mércores. O primeiro encontro celebrarase o 30 de setembro.
Máis polo miúdo, o contido dos obradoiros é o seguinte:
-Con voz propia: traballarase arredor da autoestima, da participación, do liderado e da prevención de violencias machistas. Abordarase o recoñecemento persoal das mulleres como suxeitos de dereitos políticos, sociais e civís.
-Enredad@s: centrado nas novas tecnoloxías, realizarase unha aproximación ás posibilidades que ofrece Internet e as redes sociais traballando o manexo práctico de dispositivos móbiles que facilitan a comunicación e o traballo en rede.
-Habitando o noso corpo: arredor do autocoñecemento, o autocoidado e a expresión emocional. Utilizaranse ferramentas da biodanza, da atención plena e do ioga integral, como medios para chegar a esta conexión sempre dende o goce e o autocoidado.
-Saberes en común: recuperación e posta en valor de saberes, coñecementos e experiencias das mulleres sobre os diversos traballos que desenvolveron ao longo da súa vida, así como do territorio que habitan.
A orixe de EspadELA
EspadELA nace en 2018 impulsada pola cooperativa Arabías da man do Sindicato Labrego Galego e financiada pola Deputación da Coruña. Foi posto en marcha como “un proxecto co que crear espazos de traballo no plano persoal para mellorar as condicións de vida das mulleres do rural, coa intención de que estas mudanzas podan espallarse e compartirse nunha rede de sororidade e recoñecemento feminino”. A primeira edición e a segunda da escola desenvolveuse nos municipios de Arzúa, Ordes, Betanzos e Moeche obtendo altos niveis de participación e satisfacción por parte das mulleres participantes. Nesta terceira, bota a andar en As Pontes, Cabanas e Valdoviño.

PUBLICIDADE