A Escola Nexus Rede achega ás mariscadoras de Palmeira ó mundo dixital

luns, 3 de setembro do 2007 Fernando Sarasketa

A Escola Cooperativa Móbil Nexus Rede segue o seu percorrido por Galiza e máis polo miúdo por alí onde operan espazos de traballo colectivos e en mancomún. O cometido desta aula móbil é botar luz sobre as vantaxes formativas e laborais que achegan as redes da información. A Escola, que aproveita a súa propia mobilidade para explicarse a si mesma e ás redes mesmas -posto que unha das grandes vantaxes da tecnoloxía que vén é que achega mobilidade-, arriou áncora estes días no concello de Ribeira co fin de divulgar entre as asociadas da Agrupación de Mariscadoras de Palmeira as vantaxes das “tecnoloxías como instrumento de mellora”.
A aula móbil ficará neste porto pesqueiro ó longo de tres semanas, mobilizando ó seu persoal técnico cun horario de 16.30 a 19 horas, e estando previsto que nas actividades participen unhas 13 persoas do dito colectivo. Segundo informa a Consellería de Traballo, trátase da decimonovena escala desta aula Nexus Rede na sede das cooperativas galegas, tralo seu paso (entre outros lugares) por Aguiño, Porto do Son, Lorbé (Oleiros), Moaña, Cangas, Portocubelo (Lira), Carnota ou Santiago.
Cómpre sinalar que a ruta non conclúe en Palmeira, senón que seguirá o seu itinerario “atendendo á demanda de formación efectuada polas cooperativas e entidades de economía social participantes no proxecto Equal – Nexus Rede”. Esta inicitiva, da que por certo forma parte a aula móbil, vai orientada ó afianzamento no mercado competitivo (en igualdade de condicións) das firmas e das persoas integrantes das cooperativas e entidades da economía da nosa terra. A aula inclúe un orzamento de máis de 220.000 euros, custeado polo Fondo Social Europeo e a Consellería de Traballo.