A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación achega obradoiros de ciencia e tecnoloxía para as nenas

xoves, 27 de febreiro do 2025 S. P.

A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación do Campus de Vigo está mergullada a organización de novas actividades para fomentar o interese das nenas e das mozas polo mundo da tecnoloxía. En concreto, Telecomunicación prepara unha gran cita de celebración tecnolóxica o vindeiro sábado 22 de marzo da man de Oracle4Girls, unha iniciativa da empresa Oracle que xa pasou por diferentes cidades de toda España e que chega agora a Vigo como unha nova oportunidade “para motivar e apoderar ás novas xeracións de mozas a converterse nas líderes tecnolóxicas do mañá”, tal e como se remarca na web do evento.
Con múltiples obradoiros dirixidos a nenas de entre 4 e 16 anos, as persoas interesadas poden xa inscribirse na web da escola. Haberá diferentes actividades segundo as franxas de idade (4-6 anos, 7-9 anos, 10-13 anos e 14-16 anos).
Trátase de talleres deseñados especificamente para inspirar ás mozas a explorar o seu futuro nas ciencias e a tecnoloxía, fomentando o interese polas carreiras STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) e destacando as oportunidades que as agardan no sector das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), onde as mulleres non están de abondo representadas.
"Para a EET é unha oportunidade poder acoller a celebración deste evento, non só porque vai aliñado coa estratexia do centro para a divulgación das tecnoloxías de telecomunicación entre estudantes e familias, senón tamén pola orientación cara nenas e rapazas”, explicou a directora da escola, Rebeca P. Díaz, que agradeceu a Oracle por “pensar no noso centro para esta actividade e tamén a atlanTTic, que colabora con nós para que a xornada do día 22 de marzo sexa todo un éxito”, recalca a directora da escola.
Desde Telecomunicación queren pois dirixirse especialmente ás familias, xa que xogan un papel crucial na orientación e apoio das súas fillas cara a estas disciplinas. “Nun mundo onde as tecnoloxías como a programación, a robótica, a Intelixencia Artificial e a Realidade Aumentada están a transformar o futuro, estes obradoiros non só brindan coñecementos técnicos, senón que tamén celebran o papel das mulleres que, con esforzo e dedicación, abriron camiño nestes campos”.
Para facilitar os desprazamentos ata o Campus, porase a disposición de todas as persoas participantes autobuses gratuítos con paradas en distintos puntos da cidade (Areal, praza de España, praza de América), tanto para o traxecto de subida (a partir das 09.15) como de regreso á cidade (cara ás 13.10h).