A Estrada recibirá os servizos de R este verán

martes, 26 de febreiro do 2008 Raquel Noya

O alcalde de A Estrada, Xosé Antonio Dono, mailo conselleiro delegado de R, Arturo Dopico, veñen de reunirse esta mesma mañá (martes 26 de febreiro) para dar a coñecer os detalles do acordo polo que xa se está a estender a nova infraestrutura de fibra óptica en todo o concello para que este poida recibir os servizos do operador galego dende este verán.
Deste xeito, a Estrada entrará a formar parte do grupo de cidades e concellos galegos que gozan de conexión directa á rede de telecomunicacións de última xeración que o operador galego está a despregar en todo o país.
R prevé levar os servizos integrados de teléfono, Internet de alta velocidade, televisión dixital e móbil R a preto de 4.500 fogares e locais empresariais de A Estrada. Para isto, a compañía de telecomunicacións conta cun investimento de preto de 2,66 millóns de euros, cos que habilitará a súa infraestrutura de fíos e os seus equipos e realizará as canalizacións necesarias no núcleo urbano.
Ademais de achegar a fibra óptica á Estrada, R despregará a súa rede noutras localidades pontevedresas antes de que remate 2008. Na actualidade dá servizo en Pontevedra, Vigo, Marín, Vilagarcía, Poio, Porriño, Redondela, Ponteareas, Lalín, Sanxenxo, Bueu, O Grove e Cangas e pronto disporán dos servizos do operador galego en Moaña, Nigrán, Baiona, Caldas, A Guarda, Tui, Cambados, Silleda e Gondomar.
No despregamento da fibra óptica nestas cidades terase investido un total de 235 millóns de euros que lles permitirán a preto de 272.000 fogares e locais empresariais estar en disposición de recibir os servizos do operador galego.

PUBLICIDADE