Román Rodríguez louva a capacidade do programa Talentos Inclusivos (CITIC) para derrubar barreiras tecnolóxicas
mércores, 10 de xuño do 2026

Este mércores 10 de xuño clausurouse no Edificio Fontán de Santiago (Cidade da Cultura) a sexta edición do programa Talentos Inclusivos para o fomento da innovación tecnolóxica e a inclusión social, impulsado polo CITIC da UDC en colaboración con outras entidades. Un total de 16 centros educativos presentaron as súas propostas como brazos robóticos, deseños en 3D ou pictogramas para mellorar a autonomía e a calidade de vida de persoas con parálise cerebral. Entre os participantes estaba o conselleiro de Educación e Ciencia, Román Rodríguez.
Talentos Inclusivos é un programa para o fomento da innovación tecnolóxica e a inclusión social impulsado polo Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña en colaboración coas entidades ASPACE Coruña, APAMP, Cruz Vermella A Coruña e Amencer-ASPACE e que conta co apoio da Xunta a través das consellerías de Educación, Ciencia, Universidades e FP e de Política Social e Igualdade, e da Fundación Española para a Ciencia (FECYT), entre outros.
Román Rodríguez, que estivo acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e polo director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, salientou a importancia de programas coma este “que son un exemplo de colaboración entre universidades, centros educativos e alumnos ao servizo de colectivos como, neste caso, son as persoas con parálise cerebral”. Neste senso, gabou que a combinación de “creatividade e tecnoloxía” se traduce en “propostas de ideas ao servizo dunha maior autonomía e mellor calidade de vida destas persoas”.
Na cita tamén participaron o secretario xeral do Consello Social da Universidade da Coruña (UDC), Jesús Spósito Prado, o vicepresidente de ASPACE Coruña, Eulogio López Río; o xerente de ASPACE Coruña, Ricardo Iglesias Sanmartín, a xerente de Amencer-ASPACE, Mónica Touriño Soto e o equipo de persoas voluntarias de Inditex.
O director do CITIC da UDC, Manuel Francisco González Penedo, subliñou que “Talentos Inclusivos é un exemplo claro de como a investigación e a tecnoloxía poden ter un impacto directo na vida das persoas. Ver ao alumnado traballar xunto ás entidades sociais para desenvolver solucións reais pon de manifesto o valor da innovación cando se orienta á inclusión e á mellora da autonomía persoal”.
Na mesma liña, o responsable do programa, o investigador do CITIC Javier Pereira Loureiro, destacou que “esta edición volve demostrar o potencial do alumnado cando traballa a partir de necesidades reais. Os proxectos presentados reflicten creatividade, compromiso e unha enorme sensibilidade social, cun resultado que vai moito máis alá do ámbito educativo e ten un impacto directo na vida diaria das persoas usuarias”.
Tras a chegada do alumnado e das persoas participantes, e a recepción das autoridades, os representantes institucionais realizaron unha visita guiada polos expositores, durante a que coñeceron de primeira man os distintos proxectos e fixeron entrega dos diplomas acreditativos aos centros participantes.
Solucións para a vida diaria
O Edificio Fontán, na Cidade da Cultura, acolleu este mércores 10 pola mañá aos expositores nos que os 16 centros participantes en Talentos Inclusivos amosan máis de medio cento de proxectos desenvolvidos por alumnos de ESO, Bacharelato e FP en colaboración con persoas con parálise cerebral. Nos equipos participan estudantes, persoas con discapacidade, profesorado dos centros educativos e investigadores do CITIC.
Entre outras propostas, os equipos participantes amosan proxectos como brazos robóticos programables capaces de realizar tarefas básicas de cocina, pompeiros accesibles nos que as persoas con mobilidade reducida poidan accionar o mecanismo dun xeito sinxelo, un reloxo con pictogramas onde se asocian actividades a cada hora do día o que permite configurar horarios personalizados para que o usuario saiba que tarefa lle corresponde en cada momento, entre outros.
Participan nesta quinta edición de Talentos Inclusivos os seguintes centros.
A Coruña
CPR Calasanz-PP Escolapios
IES Plurilingüe Eusebio da Guarda
IES Ramón Menéndez Pidal
IES Agra do Orzán
CEEPR Nosa Señora De Lourdes
Culleredo
CPR Plurilingüe Montespiño
IES Rego de Trabe
CIFP Universidade Laboral
Ferrol
IES Saturnino Montojo
IES Sofía Casanova
Narón
IES Terra de Trasancos
Pontedeume
IES Breamo
Zas
IES Maximino Romero de Lema
Castro de Rei
IES José Trapero Pardo
Guitiriz
IES Poeta Díez Castro
Ourense
CPR Plurilingüe Santa Teresa de Jesús
Tecnoloxía sen barreiras
Talentos Inclusivos é un proxecto desenvolvido polo CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións) da UDC (Universidade da Coruña) e ASPACE Coruña, e que conta co apoio da FECYT (Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades; o Consello Social da UDC; o Concello da Coruña e a Xunta de Galicia.
O seu obxectivo é espertar vocacións STEM (siglas en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática) entre os mozos e dar a coñecer a realidade da discapacidade a través de equipos colaborativos de traballo para resolver retos tecnolóxicos expostos por persoas con parálise cerebral.
A través deste proxecto, estudantes de secundaria e bacharelato de diversos institutos de Galicia, terán que buscar solucións tecnolóxicas a unha serie de retos que serán propostos por usuarios da entidade ASPACE Coruña, Amencer-ASPACE, APAMP e Cruz Vermella A Coruña.
