A FCC publica detalles sobre o Nokia N95 3G para EE.UU.

martes, 21 de agosto do 2007 Marcus Fernández

Os norteamericanos que se sentiron defraudados polo iPhone poderán ver cómo Nokia responde ás súas oracións lanzando unha nova versión do seu N95, que é a xoia da coroa do fabricante finlandés por incorporar nun único terminal un móbil con cámara dixital de 5 Mpíxeles, conexión á Internet de alta velocidade e GPS, sendo case coma levar un ordenador no peto agás polo feito de que a súa pantalla sexa só de 2,6 polgadas.
Despois de moitos rumores sobre este terminal, a FCC vén de publicar os resultados das súas probas para a aprobación da súa comercialización en EE.UU. de xeito que se confirma que incluirá HSDPA nas bandas de 850 e 1.900 MHz podendo establecer conexións con esta tecnoloxía a velocidades de ata 3,6 Mbps (o modelo anterior carecía de 3G) e tamén a través de redes Wi-Fi, de xeito que pode conectarse á Rede dende case calquera lugar.
O Nokia N95 é un móbil moi completo coma reprodutor multimedia, coma dispositivo de captura de imaxe e coma GPS, que aínda podería mellorar en breve grazas á aparición dun modelo con 8 Gb de memoria (que lle faría fronte ó iPhone) xa que na actualidade a súa memoria só se pode incrementar mediante tarxetas de memoria de ata 2 Gb.

PUBLICIDADE