A FIC acolle este martes a entrega de recoñecementos do Premio ao Mellor TFG

luns, 4 de abril do 2022 S. P.

A Facultade de Informática da Universidade da Coruña acolle este martes 5 de abril a entrega dos recoñecementos da sétima convocatoria do Premio ao Mellor Traballo Fin de Grao (TFG) Aplicado do Grao de Enxeñaría Informática. O CITIC e a Fundación Universidade da Coruña colaboran nestes premios, que contan ademais co patrocinio das cátedras institucionais Aldaba, Corunet e NTTdata. A cita será a partir das 13.30 horas no Laboratorio 5 da FIC.
Dos vinte traballos presentados, que obtiveron unha cualificación de matrícula de honra no curso 2020-2021, tres foron as propostas: Técnicas de Intelixencia Artificial Aplicadas á detección de ciberacoso en redes sociais (Paulo Seoane Davila), Monitoraxe e control de explotación de gandería extensiva (Manuel Couto Carril) e Aplicación móbil e monitoraxe dun dummy para a formación en emerxencias sanitarias (Juan González Iglesias). Como denominador común, os tres traballos estiveron dirixidos por investigadores do CITIC: Fidel Cacheda Seijo, Carlos J. Escudero Cascón e Óscar Fresnedo Arias, respectivamente.
Na xornada do 5 de abril, coincidindo coa Feira de Prácticas e Emprego que se celebrará na Facultade de Informática, darase a coñecer o primeiro premio de 1500 € e os dous accésits de 500 € cada un. Na Feira de Emprego participarán 26 empresas do sector TIC, que impartirán charlas e obradoiros orientados á inserción laboral do alumnado.

PUBLICIDADE