A FIC introducirá á rapazada na programación informática o día 16

martes, 12 de decembro do 2017 Marcus Fernández

O vindeiro sábado a Facultade de Informática da Coruña celebra A Hora do Código UDC 2017, un evento de balde que busca promover as Ciencias da Computación entre a rapazada (está aberto a público de entre 8 e 14 anos), con especial atención a incrementar o número de mulleres e estudantes de colectivos minoritarios que aprendan a programar.
A xornada pretende instruír en conceptos fundamentais de programación, dispoñendo para iso de bloques lóxicos que, amoreándose nunha orde axeitada, realicen unha acción concreta, como mover un personaxe nunha escena ou debuxar unha forma.
Os cativos que queiran participar nesta actividade teñen que reservar a súa praza, vir acompañados por un adulto responsable e traer un ordenador ou tableta (aínda que tamén se emprestarán dispositivos para quen non poida levar un). Distribuiranse por idades e niveis en grupos de 10-18 e contarán cun monitor que os dirixirá e orientará nas actividades.
Para esta introdución á programación realizaranse actividades deseñadas para a ocasión, que empregan programación visual para facilitar a aprendizaxe dos conceptos e, para facer máis atractivos os distintos desafíos a superar, estarán ambientados en escenarios de franquías populares como Vaiana, Frozen, Minecraft, Angry Birds ou Star Wars.

PUBLICIDADE