A Finca Mouriscade aposta pola eficacia e a operatividade na súa nova web

mércores, 30 de agosto do 2017 Redacción

A semana pasada a Deputación de Pontevedra presentou a nova web da Finca Mouriscade, unha presenza na web que salienta por querer incluír un extra de eficacia e operatividade na actividade da estación. Ou sexa, por estar concibida para que as comunicacións entre os usuarios deste laboratorio dependente da Deputación e os seus responsábeis sexan o máis rápidas e doadas posíbeis (facendo especial fincapé en que os resultado das análises se reciban o antes posíbel). A web foi dada a coñecer pola deputada provincial Eva Vilaverde, no salón de actos do laboratorio, acompañada pola xefa do servizo, María Hermida, e polo responsábel de portais web da Deputación, Rubén Gómez. Coincidiron na necesidade de acometer a renovación (logo de 17 anos de actividade dixital previa) e nas facilidades de uso que pon en xogo a nova páxina, “máis intuitiva e accesíbel”.
Segundo fixo saber Eva Vilaverde, o sitio fornece de acceso privado para os usuarios, achegándolles unha área de consulta de resultados aos que poderán ter conexión, tamén, a través de dispositivos móbiles. Precisamente unha das grandes novidades é a versión para móbil e para tableta, “porque non podemos esquecer que hoxe en día moito traballo se realiza desde este tipo de dispositivos, o que mellora a nosa capacidade de resposta”, sinalou a deputada delegada de Finca Mouriscade, lembrando que o laboratorio de Finca Mouriscade superou as 85.500 mostras recibidas para análise durante o pasado ano e que a día de hoxe e desde o 1 de xaneiro de 2017 xa se recibiron preto de 52.000 mostras.
Vilaverde engadiu que “é unha satisfacción dispor dunha páxina web máis operativa, porque segue no camiño de mellorar o servizo que se fai desde a propia finca e chegar mellor ao sector, permitindo que as persoas usuarias accedan máis rápido e teñan un recurso doado de utilizar”.
A deputada tamén fixo fincapé nos idiomas nos que se poderá acceder á páxina. Se ben neste momento está operativa nos idiomas galego e español, nas vindeiras semanas habilitarase tamén o inglés e o portugués, “atendendo aos clientes de fóra do país, e nomeadamente aos do norte de Portugal”. Lembrou tamén que a esta nova páxina xa se pode acceder a través do enderezo mouriscade.depo.es e ao longo dos vindeiros meses iranse implementando novos contidos e servizos, a maiores dos relativos ao laboratorio.

PUBLICIDADE