A Fujifilm X-T30 III chega con filtros de simulación de película e gravación de vídeo en 6,2K

xoves, 23 de outubro do 2025 Redacción

Fujifilm anuncia o lanzamento mundial da Fujifilm X-T30 III, nova cámara sen espello da serie X-T, que mantén o deseño clásico do modelo anterior pero incorpora melloras notables en rendemento e creatividade. Con só 378 gramos de peso, o novo corpo (cunhas dimensións de 118,4 x 82,8 x 46,8 milímetros) combina portabilidade cunha calidade de imaxe de alto nivel grazas ao sensor retroiluminado X-Trans CMOS 4 de 26,1 megapíxeles e ao procesador de alta velocidade X-Processor 5, o dobre de rápido ca o da X-T30 II.
A cámara integra o sistema de enfoque automático con detección de suxeitos baseado en aprendizaxe profunda, capaz de recoñecer rostros, ollos, animais, vehículos, avións, insectos e ata drons, facilitando o seguimento do movemento con maior precisión. Ademais, permite gravar vídeo en resolución 6,2K a 30 fotogramas por segundo e a cámara incorpora estabilización dixital para reducir vibracións, incluso ao filmar en movemento.
Un dos seus principais atractivos é o dial de simulación de película, herdado de modelos como a X-T50, que permite alternar entre vinte modos de reprodución de cor inspirados nas películas fotográficas tradicionais. Entre eles destacan Reala ACE, pola fidelidade cromática, e Nostalgic Neg., polos tons suaves e cálidos. O usuario pode gardar ata tres configuracións personalizadas baixo as posicións FS1, FS2 e FS3, que facilitan a creación de receitas FS con estilos propios.
A Fujifilm X-T30 III conserva funcións como o flash emerxente e a panca de modo automático (que axuda a obter boas imaxes sen necesidade de axustes complexos) e inclúe tamén unha pantalla traseira inclinable de 1,62 millóns de puntos e unha empuñadura ergonómica que mellora o agarre sen comprometer o tamaño. O visor central, situado sobre o eixe do obxectivo, ofrece unha experiencia clásica e cómoda de encadre.
Fiel á filosofía da serie X, Fujifilm aposta cunha vez máis por unir tecnoloxía e tradición fotográfica.
A X-T30 III está pensada tanto para usuarios que comezan na fotografía avanzada como para quen busca unha cámara lixeira e de altas prestacións, que combina estética, manexabilidade e a posibilidade de imprimir directamente as imaxes en impresoras instax da marca.
A nova cámara de Fujifilm chegará ao mercado en novembro a un prezo de 949 euros só o corpo e a 1 099 euros incluíndo un obxectivo Fujinon XC13-33mmF3.5-5.7 OIS.

Vídeo promocional da nova cámara de Fujifilm