A Fundación María José Jove inaugura o que sería o primeiro museo 100% virtual de España

mércores, 24 de marzo do 2021 S. P.

Este 24 de marzo abriu as súas portas, formalmente, o que sería o primeiro museo cen por cen virtual do ámbito estatal. Fíxoo da man da fundación galega María José Jove (FMJJ) e consiste nunha plataforma virtual, dixital, interactiva e aberta para a arte, a cultura e a investigación. O MUV foi concibido ademais como un recurso para estreitar a relación entre artistas e entidades culturais de todo o mundo. Deseñado polos arquitectos Creus e Carrasco, o MUV emprázase nun lugar imaxinario de Galicia, recollendo “o espírito da paisaxe e a identidade da terra”.
O MUV pode ser visitado como unha páxina web cunha visualización dixital ou a través de Realidade Virtual (para o que son precisas unhas lentes RV).
A entidade ten na súa sede da Coruña un espazo físico de visualización virtual e outro no espazo Normal da Universidade da Coruña, coincidindo cunha primeira exposición.
O MUV desenvólvese nunha contorna tridimensional e inmersiva xerado por computador para “proporcionar un mundo simulado que facilita a interactuación e a experimentación do usuario”, explican dende a FMJJ, sinalando que un dos seus compoñentes fundamentais, o da Realidade Virtual, aplícase en diferentes actividades (entre as que se atopan a educación ou o medicamento) e de xeito progresivo, “ofrecendo un campo infinito de posibilidades para os artistas, de maneira que non só sexa un medio para dixitalizar a cultura senón un medio en si mesmo para a creación”.
O desenvolvemento foi realizado por Xoia Software Development S.L. empresa galega dedica ao deseño, desenvolvemento e mantemento de aplicacións baseadas tanto na tecnoloxía de Realidade Aumentada como Realidade Virtual aplicándoas a todo tipo de plataformas, desde smartphones a HTC Vive ou Hololens, en sectores como a industria, a ciencia e a educación, a cultura ou o turismo.
O MUV arrinca xa cun calendario de exposicións para este primeiro ano que inclúe a Irene Kopelman, Katrin Niedermeier e Damián Ucieda.
Tamén envorca esforzos nun “importante compoñente editorial”, que incluirá publicacións, conversas e un arquivo dixital.
Asemade, quérese que manteña vencellos directos cos proxectos asociados ás bolsas, aos premios e ás residencias artísticas promovidas pola Fundación María José Jove, así como coa Colección de Arte FMJJ, contribuíndo ao apoio visualización dos traballos dos artistas apoiados pola entidade.

PUBLICIDADE