A Fundación Vodafone lanza un hackathon online para buscar respostas directas á crise sanitaria

mércores, 1 de abril do 2020 S. P.

A operadora Vodafone segue adiante coa súa cita diaria de contribucións para loitar contra a pandemia e a crise sanitaria e favorecer o teletraballo, a teleformación, a conectividade, o lecer das familias e, tamén, a investigación directa contra os efectos da crise sanitaria. Neste último eido sitúase o Hackathon online COVID-19 lanzado pola Fundación Vodafone España e directamente encamiñado a desenvolver solucións á catástrofe do coronavirus.
Segundo informa a fundación, do mércores 1 de abril ás 18.00 horas ao venres 3 de abril ás 19.00 horas, as mozas e mozos que pertencen á comunidade Youth 4 Good poderán idear unha solución para un reto relacionado coa problemática que está a vivir nestes momentos a sociedade.
En palabras dos organizadores, o hackathon busca “atopar e premiar iniciativas para protexer á poboación máis vulnerábel, as persoas maiores e as persoas con patoloxías”, un desafío que tentará superar “abordando solucións destinadas a cubrir as necesidades básicas desta poboación durante o confinamento, para así reducir ao mínimo a súa exposición ao virus”.
A comunidade Youth 4 Good, formada por máis de mil douscentos desenvolvedores novos que xa participaron en iniciativas anteriores da Fundación Vodafone, será a encargada de asumir este reto. As dúas solucións máis efectivas e viables serán as gañadoras. A Fundación Vodafone España comprométese a polas en marcha de forma inmediata, asegurándose de que os recursos e solucións ponse á súa disposición no menor tempo posíbel.

PUBLICIDADE