A IA leva a Microsoft a converterse na segunda compañía en superar os 4 billóns de dólares de valor de mercado

xoves, 31 de xullo do 2025 Redacción

As accións de Microsoft alcanzaron un máximo histórico tras a publicación dos resultados do cuarto trimestre fiscal, cunha suba do 5,2 % durante a xornada e un valor de mercado que superou por primeira vez os 4 billóns de dólares, volume de mercado só superado antes por nVIDIA (que está a manter o seu pulo ata un valor de mercado de 4,3 billóns de dólares). A compañía superou as previsións tanto de ingresos como de beneficios, impulsada polo sólido crecemento nas súas tres divisións principais e, sobre todo, polo rendemento da súa plataforma na nube Azure, clave na súa estratexia de intelixencia artificial.
Os ingresos trimestrais medraron un 18 %, ata os 76.400 millóns de dólares, fronte aos 73.800 millóns esperados polos analistas. A división de produtividade e procesos empresariais (que inclúe Microsoft 365) facturou 33.100 millóns (+16 %), mentres que a de nube intelixente, con Azure á cabeza, subiu un 26 %, ata os 29.900 millóns. A área de computación persoal, onde se inclúen Windows e dispositivos, aumentou un 9 %, ata os 13.500 millóns.
Os negocios orientados ao consumidor tamén presentaron melloras destacables: Xbox aumentou ingresos nun 13 %, LinkedIn nun 9 % e a publicidade en busca e noticias subiu un 20 %, superando incluso o rendemento de Google neste ámbito, malia ter unha escala inferior.
A rendibilidade tamén mellorou. O beneficio operativo aumentou un 23 %, ata os 34.300 millóns, e o beneficio por acción situouse en 3,65 dólares, moi por riba dos 3,38 previstos.
O CEO de Microsoft, Satya Nadella, destacou que «a nube e a IA son a forza impulsora da transformación empresarial en todos os sectores». Segundo indicou, Azure superou por primeira vez os 75.000 millóns de dólares en ingresos anuais, cun crecemento do 34 %.
A compañía anticipa un crecemento de dous díxitos para o exercicio fiscal 2026, especialmente nas súas actividades de nube, e consolídase como un dos principais referentes na nova era da intelixencia artificial grazas á súa ampla diversificación: desde software empresarial ata produtos de consumo, pasando por redes sociais como LinkedIn.
A pesar de que Microsoft cotiza a un prezo elevado, os analistas consideran que os seus resultados xustifican esa prima. A súa capacidade para aplicar a IA en todo o seu ecosistema dálle unha vantaxe competitiva fronte aos seus rivais no sector tecnolóxico.

A posición nos mercados bolsistas de nVIDIA, Microsoft e Apple mudou considerablemente nos últimos meses por mor do pulo da IA