A LaconNetwork celebra o seu cuarto aniversario en Vigo

venres, 31 de xaneiro do 2014 Marcus Fernández

Centos de emprendedores e profesionais do sector tecnolóxico galego xuntáronse hoxe no Auditorio Mar de Vigo para participar no evento de celebración do 4º aniversario da LaconNetwork, de xeito que, aparte do tradicional xantar para fomentar o networking entre os participantes, tiveron lugar un par de mesas redondas e un relatorio, que xunto co acto de entrega dos X Premios EGANET conformaron unha completa xornada que podemos ver como un signo do dinamismo que conserva este ámbito profesional na nosa comunidade.
A primeira actividade da mañá foi unha mesa redonda moderada polo director para Galicia de Onda Cero, Ignacio Capeáns, no que Iñaki García Vallejo (IGV-Área de Gestión), Eduardo García Erquiaga (Escola de Negocios Novacaixagalicia) e Norberto Penedo Rey (IGAPE) discutiron sobre a difícil situación actual do sector do emprendemento, que medrou moito nos últimos anos por mor da conxuntura económica.
Máis ilustrativa podía resultar a seguinte mesa redonda, conducida por Carlos Tresandí (CRTVG), na que puideron coñecerse tres proxectos empresariais galegos que están a vender/desenvolver produtos físicos.
Así, Alberto Torrón comentou a súa experiencia coa tenda de comercio electrónico Todotaladros.com (que foi un excelente exemplo das barreiras que hai que superar para poder ter un bo negocio na Rede sen as limitacións do comercio tradicional); Javier Bordejé dei a coñecer o negocio de Primux Tech, que consegue operar no complexo e dinámico mercado dos smartphones e tablets dende Ourense con produtos fabricados en China pero deseñados dende Galicia; e José Manuel Ruiz deu conta do seu novo emprendemento, Smarttek, que en poucas semanas vai estrearse comercialmente con solucións tecnolóxicas baseadas en robótica e outros tipos de sistemas automáticos emerxentes que demostran que é posible innovar e crear novas iniciativas dende a nosa terra.

David Perdomo encargouse de conducir o evento

Para animar e conducir estas actividades contouse coa presenza do humorista coruñés David Perdomo, que soubo conectar coa audiencia cos seus improvisados comentarios. Tamén pasaron polo escenario Frankie Gómez, un dos organizadores e fundadores da LaconNetwork, e figura visible do evento, para facer un breve balance desta serie de encontros mensuais; e o blogueiro e formador Enrique Dans, quen compartiu coa audiencia as súas reflexións sobre a comunicación dixital e a imaxe persoal.
O profesor Dans falou da necesidade que temos na actualidade de vixiar a presenza na Internet tanto das empresas como dos profesionais, polo que a monitorización da nosa imaxe na Rede xa non sería un acto de vaidade, senón que na actualidade xa é unha necesidade, para poder saber o que se di de un, e poder así participar na conversa en liña cando é preciso. Coidar a imaxe persoal de cadaquén na Internet é importante non só para cada particular, senón que este valor de imaxe tamén se transmite ás empresas nas que se traballa, polo que cada vez ten máis peso o noso reflexo na web e nas plataformas sociais, polo que hoxe xa non podemos vernos como entes illados, senón que temos que proxectarnos a través das TIC para poder sermos competitivos.
Para rematar o encontro, celebrouse o habitual xantar, no que os participantes puideron conversar durante varias horas con outros profesionais do sector tecnolóxico, o que en numerosas ocasións ten demostrado ser moi produtivo, pois non son poucas as alianzas e relacións xurdidas entre profesionais e proxectos tecnolóxicos galegos grazas a este tipo de contactos, deixando claro que hai que dar a coñecer o que se fai para poder beneficiarse de achegas que poidan chegar do resto do sector a través das sinerxías que poden xurdir grazas á comunicación entre os moitos proxectos que non cesan de emerxer en Galicia.

O relatorio de Enrique Dans completouse con reflexións sobre distintos temas da actualidade TIC grazas ás preguntas introducidas polos asistentes

PUBLICIDADE