A Lei de Estatística de Galicia renóvase para crear información máis fiábel e de máis calidade

mércores, 8 de xaneiro do 2025 S. P.

Dende o Diario Oficial de Galicia (DOG) anunciaban este 8 de xaneiro a nova Lei de Estatística de Galicia que entrará en vigor dentro de 20 días. Dicir que esta normativa reforzará a capacidade do Instituto Galego de Estatística (IGE) para responder de xeito máis eficaz ás demandas de información.
Engadir que, amais de afondar na capacidade deste organismo para acceder á información administrativa e integrala en bases de datos, a nova lei permitirá xerar información de maior calidade e fiabilidade, pegada ao territorio e próxima ao cidadán, aumentando as sinerxías, racionalizando custos e respondendo de maneira eficiente ás demandas de información da sociedade. Dito doutro xeito, isto traducirase en: transparencia, calidade e accesibilidade dos datos.
A nova lexislación actualiza a lei 9/1988 de Estatística de Galicia vixente desde fai 35 anos, que deu soporte aos seis plans desenvolvidos polo sistema estatístico galego, o último aínda en desenvolvemento (2022-2026).
Nas últimas décadas apareceron novas fontes de información, así como os potentes métodos de tratamento de datos, baseados no big data e na IA que permiten reforzar a colaboración e os fluxos de datos estatísticos entre os distintos niveis da administración, así como incrementar a difusión e o acceso aos recursos estatísticos que se xeran. Esta nova lei profunda na normalización das perspectivas de xénero e idade, para achegar información máis precisa e axeitada ás cuestións demográficas. Isto permitirá, ademais, realizar desagregacións territoriais que non eran posíbeis até o momento. Asemade, regula de xeito máis preciso o segredo estatístico tanto para os cidadáns como para as empresas, establecendo mecanismos que permitan compatibilizar o tratamento dos datos con fins estatísticos, sobre todo para contar con información inmediata en situacións de emerxencia social, coa protección de datos persoais e a cesión de datos protexidos. Con esta normativa refórzase tamén a conexión do sistema estatístico coa planificación pública, para deseñar e avaliar as políticas deste sector e programar novas iniciativas. Facilitará a investigación científica, ao favorecer o acceso dos investigadores a datos estatísticos protexidos, baixo protocolos que preserven a súa confidencialidade.
Engadir que esta modificación normativa contempla ás persoas usuarias e informantes como peza clave da estatística galega, así como a difusión de balde na páxina web de estatísticas reutilizábeis e cun calendario e información adicional que faga máis doada a súa interpretación, poñendo así a disposición da sociedade datos que permitan tomar decisións informadas a particulares e empresas, ademais da Administración.