A Lei de Mercados Dixitais designa as compañías que considera gardiás
mércores, 6 de setembro do 2023
Nos últimos días
sóubose das reticencias
de Apple e Microsoft a someter todos os seus servizos á nova Lei de Mercados
Dixitais (DMA), que hoxe
mesmo designou os que considerará as empresas gardiás ou gatekeepers,
que serán Alphabet, Amazon, Apple, ByteDance, Meta e Microsoft, pero matizaron
os servizos que se someterán ao control, atendendo polo momento as esixencias
de Apple e Microsoft.
A Comisión decidiu iniciar unha investigación para analizar se o servizo de
Mensaxes de Apple, o buscador Bing, o navegador web Edge e a plataforma
publicitaria de Microsoft teñen relevancia dabondo na Unión Europea como para
ter que someterse á DMA, sendo bastante probable que dean a razón a Apple e
Microsoft, xa que os seus servizos están moi lonxe dos de Meta e Google
respectivamente.
A Comisión Europea considera que os servizos que pasarán a someterse á DMA
serán as redes sociais TikTok, Facebook, Instagram e LinkedIn; os servizos de
mensaxería WhatsApp e Messenger; a plataforma de vídeo YouTube; o buscador de
Google; os navegadores web Chrome e Safari; as plataformas publicitarias de
Google, Amazon e Meta; os sistemas operativos Android, iOS e Windows; e os
servizos de intermediación Google Maps, Google Play, Google Shopping, Amazon
Marketplace, App Store e Meta Marketplace.
As empresas teñen até marzo de 2024 para cumprir coa nova lexislación (prazo
que sería máis amplo nos casos investigados actualmente), e de ignorar os
mandatos da UE poderían recibir sancións de até o 10% da súa facturación anual,
ou até o 20% no caso de reincidencia.