A Lumix GM1 fai posible que levemos unha cámara con lentes intercambiables no peto

xoves, 17 de outubro do 2013 Marcus Fernández

Panasonic estrea hoxe a súa cámara Lumix GM1, un innovador modelo de cámara dixital sen espello que combina o corpo compacto da gama Lumix G coa última tecnoloxía de Panasonic, conseguindo unha cámara que equilibra un elegante deseño cunha calidade imaxe superior, resultando ideal para os usuarios que queiran levar enriba unha atractiva cámara de grande calidade.
Estamos ante un produto innovador, que conta cun resistente corpo de aliaxe de magnesio que permitiu que reducise o seu tamaño total nun 40% facendo realidade que poidamos levar unha cámara micro catro terzos no peto. Tamén conta cun sistema de obturación redeseñado para empregar unha única cortiniña, empregando como primeiro obturador o control electrónico do sensor (o que permite prescindir do mecanismo de resorte dos modelos DLSM e DSLR). Completan as novidades desta cámara o filtro de onda súper sónica (SSWF) da unidade do sensor e un mecanismo flash integrado que tamén ocupa menos espazo dentro do corpo deste dispositivo.
A cámara mide 98,5 x 54,9 x 23,5 milímetros, ten un acabado metálico e un recubrimento de pel sintética de cor negro e laranxa (evocando ás cámaras clásicas), o seu sensor Digital Live MOS de 16 Mpíxeles consegue captar imaxes con grande realismo e o procesador Venus Engine permite capturar imaxes con grande detalle incluso en movemento ou con pouca luz. Tamén grava vídeo Full HD, filtro para cortar o ruído provocado polo vento e un sistema de enfoque automático de alta velocidade (que permite disparar ata 5 imaxes por segundo a 16 Mpíxeles).
Na parte traseira da cámara temos unha pantalla táctil de 3 polgadas (o que facilita a aplicación de filtros creativos), incorpora tamén Wi-Fi para poder compartir fotografías e vídeos dun xeito rápido e doado (ou incluso para empregar o móbil como disparador a distancia), e incluso conta con modos de disparo para crear time lapse e animacións stop motion.
Para poder facernos con esta elegante cámara de Panasonic deberemos agardar a finais de novembro, cando estará dispoñible en distintos kits segundo o obxectivo incluído no lote. O seu prezo andará no contorno dos 750 dólares.


Vídeo promocional da nova Panasonic Lumix GM1

PUBLICIDADE