A Memoria Dixital integrará preto de 340.000 arquivos do Catastro do Marqués da Ensenada e El Pueblo Gallego

luns, 31 de xullo do 2017 Redacción

Os días pasados foron días de impulso para a Memoria Dixital de Galicia, o proxecto posto en marcha polo Goberno galego en 2016 para crear, a través das TIC “un novo modelo de xestión e conservación do patrimonio cultural”, dando lugar a un portal-acubillo de coñecemento (Galiciana) no que están accesíbeis máis de 1,8 millóns de páxinas e 175.000 obxectivos dixitalizados. O impulso do que falamos veu dado pola incorporación de 338.000 imaxes e documentos procedentes do Catastro do Marqués de Ensenada, do Arquivo da Casa de Comercio e Banca Bengoechea e do xornal El Pueblo Gallego. Segundo explica AMTEGA, o proceso de dixitalización destes fondos terá lugar durante os vindeiros 6 meses e ao seu remate estarán dispoñíbeis para a súa consulta a través do portal Galiciana.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Secretaría Xeral de Cultura ocuparanse da dixitalización destes documentos, á que destinan un orzamento de 200.000 euros. A iniciativa enmárcase na creación da Memoria Dixital de Galicia, na que está a traballar a Administración autonómica para consolidar, como dixemos, “un fondo dixitalizado do patrimonio cultural material e inmaterial de Galicia”.
Dos 238.000 documentos que se dixitalizarán, uns 11.000 corresponden a 21 libros de entre 1820 e 1874 do Arquivo da Casa de Comercio e Banca Bengoechea, actualmente custodiados no Arquivo de Galicia.
Do Catastro do Marqués da Ensenada trataranse 189.000 imaxes e páxinas dos Libros Reais e de Persoal de Leigos e Esclesiásticos de entre 1752 e 1754. Segundo informa AMTEGA, os documentos conteñen información sobre as propiedades destes sectores sociais con croques de situación dos bens raíces e de cada un dos bens (rústicos, pecuarios, urbanos), así como a filiación de cada veciño cabeza de familia, co seu estado civil, idade, profesión, estamento e número de fillos.
As 139.000 imaxes restantes procederán do diario El Pueblo Gallego, grazas á dixitalización da colección completa deste periódico editado en Vigo entre os anos 1924 e 1979, e cuxos exemplares orixinais se atopan custodiados na Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola.

PUBLICIDADE