A Mesa lanza vídeo nas redes para normalizar os fenómenos do tempo en galego

xoves, 23 de maio do 2019 Fernando Sarasketa

Na liña do proxecto Youtubeir@s, do que falamos onte para dar conta dos seus obxectivos fortalecidos de encher as redes de vídeos en galego, a Mesa pola Normalización Lingüística vén de poñer un novo e relevante engadido no catálogo online de audiovisuais na nosa lingua para a rapazada (e para todas as idades). Trátase dun videoclip realizado polo ilustrador Miguel Robledo a partir da canción O tempo meteorolóxico de Magín Blanco.
O vídeo, que segue o ronsel normalizador das anteriores contribucións da Mesa ás redes sociais (normalizando os nomes dos peixes en galego, os nomes dos paxaros, os nomes das letras, etc), é un instrumento para axudar ás nosas cativas e cativos a identificar os fenómenos meteorolóxicos e facelo, ademais, en galego.
Desta maneira, O tempo meteorolóxico forma parte (xunto con O abecedario, As aves e Os peixes e outra fauna mariña) do proxecto didáctico que A Mesa adica á educación infantil, proporcionando materiais para nenas e nenos de 0 a 6 anos co obxectivo de potenciar o uso de vocabulario na nosa lingua nesta etapa. O videoclip está dispoñíbel en YouTube e o libro O tempo meteorolóxico, do que se extrae o vídeo, pódese mercar nas librarías do noso país e mais na web da Mesa por 7,20 € para persoas socias e 8’55 € para público xeral.
O autor da canción é Magín Blanco (A Rúa, 1960), un dos máis coñecidos creadores de propostas musicais e escénicas para público familiar no panorama actual galego. O autor do videoclip e ilustrador do volume é Miguel Robledo (Ourense, 1970), que como autor de cómic colaborou con La Voz de Galicia, Factoría K e El Jueves e como ilustrador editorial ten obras publicadas por Edicións Xerais, Mcgraw Hill USA, Santillana DuendeBux e Eurisaces Editora. Na actualidade é director creativo de Punto e Coma.

PUBLICIDADE