A Mesa pola Normalización Lingüística segue adiante co seu labor a prol do afianzamento do galego nas novas tecnoloxías da información e a comunicación. A máis recente destas iniciativas de galeguización TIC colle de preto a unha institución que segundo apunta a asociación que dirixe Carlos Callón está obrigada a dar exemplo e a normalizar o uso da lingua nos móbiles: o Parlamento. Para a Mesa, é importante que a Cámara galega siga adiante co compromiso achegado en abril de 2011 segundo o cal se garantiría a atención na nosa lingua como un requisito para a vindeira concesionaria de telefonía móbil no Parlamento.
Daquela, a asociación valorou moi positivamente o paso dado pola institución, xa que vían nel un apoio aos “dereitos lingüísticos das e dos deputadas/os e do conxunto da cidadanía”, ao contarse, en virtude do compromiso, cunha empresa concesionaria, a firma Movistar, que aumentaría o seu persoal capacitado para responder en galego.
Con todo, A Mesa considera que o compromiso ficou parado e que a Cámara está a anovar o contrato de telefonía “sen incluír nin tan sequera a opción de que o galego estea presente nos terminais, a pesar de que tal opción existe no mercado”. Por estas e outras razóns, a asociación galega agarda que tanto a presidencia da institución como a compañía reconsideren a súa postura, no caso de Movistar “infrinxindo unha lei que foi aprobada por unanimidade no Parlamento, que sinala que as empresas prestadoras de servizos deben garantir que calquera persoa poida falar en galego sen ningún atranco”. Porén, di a Mesa, na actualidade as liñas móbiles da Xunta e do Parlamento non teñen opción para que Movistar atenda en galego, “xa que se trata de liñas de empresa, e para esas Movistar non ten servizo no noso idioma”.
A Mesa pide que a concesionaria de telefonía do Parlamento inclúa a opción de atención en galego
Compartir Este Artigo
