A Nintendo Switch 2 subirá de prezo o 1 de setembro
venres, 8 de maio do 2026
A actual xeración de consolas de videoxogos caracterízanse por un detalle que está a resultar moi frustrante para os consumidores: as consolas, en vez de reducir o seu prezo paulatinamente, increméntano. De feito, a PlayStation 5, tras subir dúas veces de prezo en 12 meses, está a pagar esta situación cunha caída de vendas interanual do 46 %.
Neste contexto temos que Nintendo non pode evitar as consecuencias do incremento de prezo das memorias pola súa escaseza, e terán que repercutilo aos consumidores, anunciando hoxe que a suba de prezos comezará no Xapón o vindeiro día 25, afectando tanto a nova Nintendo Switch 2 como aos distintos modelos de Nintendo Switch (que proporcionalmente experimentarán subas máis importantes). A Switch 2 pasará de 49.980 iens a 59.980 iens (o que supón unha suba do 20 %).
No caso europeo a suba de prezos farase efectiva o 1 de setembro, pasando a custar a Nintendo Switch 2 de 469,99 a 499,99 euros (o que é unha suba de pouco máis do 6 %, moito menos do que soben os prezos no Xapón). A suba de prezo dos vellos modelos de Nintendo Switch en Europa aínda non foi comunicado pola compañía nipoa.
Tamén subirán os prezos do servizo Nintendo Switch Online (sen detallar como será o esquema de prezos en Europa), detalle que non parece relacionado cos prezos das memorias, pero si lembraría ao que está a acontecer coa meirande parte dos servizos de subscrición para o ámbito doméstico (que non cesan de subir de prezo rachando coa tradición de prezos conxelados).
