A Policía Nacional axuda á cidadanía de Vilagarcía a previr as ciberestafas
martes, 7 de abril do 2026
Axentes da Policía Nacional estiveron en Vilagarcía para presentar a xornada de formación que vai ter lugar este xoves 9 no Auditorio Municipal co obxectivo de achegar pautas básicas sobre como reducir a inseguridade nas redes e nos dispositivos. Na cita participou David Arias, axente da Área de Participación Cidadá da Policía Nacional, que animou á veciñanza de Arousa a asistir á acción divulgativa.
Sinalou que “o cidadán de a pé, a xente corrente son o obxectivo principal dos ciberdelincuentes, aos que lles resulta máis doado e moito máis rendible estafar pequenas cantidades a milleiros de persoas deste perfil que, que millóns a unha única persoa adiñeirada que, seguramente, conta con moitos máis medios e medidas de seguridade para evitalo que nós”.
A actividade, organizada pola Policía Nacional de Vilagarcía coa colaboración do Concello, leva por título Aprende a proteger tu dinero y tus datos personales e presentouse esta en Ravella coa presenza da concelleira se Seguridade Cidadá, Tania García Sanmartín, o inspector xefe de Seguridade Cidadá Miguel Vaamonde, e os axentes Jorge Das e David Arias.
Os membros do corpo policial explicaron que levan xa tempo impartindo charlas para “tratar de frear” o ritmo de crecemento constante das ciberestafas mediante unha axeitada formación de persoas de todas as idades, porque “contra o que moitos pensan”, sinalaron, “non son as persoas maiores as únicas vítimas destes actos ilícitos”.
Incidiron en que “sesións como a do xoves son necesarias tendo en conta que na Comisaría da localidade presentáronse o ano pasado 365 denuncias por estafas deste tipo; unha ao día”. E segundo explicaron os policías, “estes son só os casos que lles chegaron, xa que ao tratarse de cantidades de cartos, máis ou menos pequenas, moitos desisten, e outros xa non o fan por vergonza”.
Arias comentou que “todos estamos moi expostos a sufrir esta delincuencia que chega a través de mensaxes SMS, Whatsapp e correos electrónicos principalmente, pero tamén por medio das redes sociais; e todo iso témolo na man, no móbil, que utilizamos para mercar, pagar, facer xestións no banco, comunicarnos…, polo que resulta moi doado despistarse e darlle a unha ligazón que é unha trampa”.
O axente comentou que o principal recurso dos ciberestafadores son a urxencia e o medo, de aí que traten de meternos presa para que pinchemos no enlace que nos poñen advertindo das nefastas consecuencias que tería non facelo canto antes. Por iso, a modo de avance da información práctica que dará na sesión do xoves, Arias apuntou as principais claves para evitar caer nunha estafa dixital: desconfiar das mensaxes urxentes, esperar e non facer clic. A maiores, usar claves e contrasinais seguras e diferentes para cada aplicación e activar o dobre factor de autentificación.
Pola súa banda, Víctor Días comentou que a charla será moi práctica e accesible, a nivel básico de usuario e, ademais do que van contar eles, os axentes resolverán todas as dúbidas que lle queiran trasladar as persoas asistentes.
Esta actividade enmárcase nas accións que a Policía Nacional e Vilagarcía realiza ao longo do ano no municipio, destinadas tanto a público escolar e xuvenil, como a adultos e persoas maiores. Ademais de previr as ciberestafas, no caso da rapazada, tamén abordan problemáticas como o ciberacoso.
