A RAG abre o luns 11 a semana grande das Letras Galegas, que inclúe actividades na Rede

venres, 8 de maio do 2026 S. P.

A Real Academia Galega abrirá o luns 11 de maio a semana grande das Letras Galegas na cidade onde naceu a autora á que lle dedica este 17 de maio, Begoña Caamaño. A axenda será polo tanto un itinerario dende Vigo ata Santiago, seguindo o percorrido vital, xornalístico e literario de Begoña Caamaño (1964-2014).
Así, a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESADG) acollerá a presentación na cidade olívica do documental Begoña Caamaño: navegar no pracer do azul (19 horas), no que participou alumnado do centro interpretando escenas das novelas da homenaxeada. Xa o Día das Letras Galegas, o Teatro Principal da capital galega acollerá o pleno extraordinario da institución (12 horas). Ana Romaní, Marilar Aleixandre e Víctor F. Freixanes pronunciarán as alocucións sobre a escritora e xornalista. Ambos os actos son de entrada libre ata completar a capacidade dos auditorios. A sesión do 17 de maio poderá ademais seguirse en directo dende academia.gal e a canle de Youtube da RAG.
A presentación do documental na ESADG será un encontro aberto a todo o público, unha ocasión especial para gozar do filme nunha pantalla grande e conversar coas persoas que fixeron realidade o filme. O presidente da RAG, Henrique Monteagudo, abrirá o acto acompañado do director da escola, Daniel González Salgado, e Beatriz Caamaño, irmá da autora. Tras a proxección, o académico correspondente Ramón Nicolás conducirá o coloquio dos directores, Damián Varela e Alba López, e o vicedirector da ESADG, Roberto Pascual, que coordinou a colaboración do centro educativo no documental. O filme, realizado por Miramemira, contou co apoio económico da Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, e pode verse na sección das Letras de academia.gal e na canle de Youtube da RAG

Begoña Caamaño, escritora viguesa homenaxeada este ano nas Letras Galegas

No documental, a literatura de Begoña Caamaño, atravesada pola reinterpretación feminista dos mitos clásicos, dialoga coa memoria íntima e colectiva no retrato coral que van ganduxando, entre outras voces, a súa irmá Beatriz; a actriz viguesa Maika Aguado, amiga da infancia de Begoña Caamaño; a xornalista Amanda Álvarez, estreitamente vinculada a ela dende os seus inicios profesionais en Vigo; o académico Víctor F. Freixanes, con quen cadrou primeiro en Radio Popular de Vigo e que pasado o tempo sería o editor en Galaxia das súas dúas novelas; a especialista en Historia Antiga da Universidade de Vigo Susana Reboreda, quen constatou antes da publicación da súa ópera prima, Circe ou o pracer do azul, o gran dominio que tiña Begoña Caamaño dos mitos gregos; e a súa compañeira na Radio Galega e académica Ana Romaní e mais a crítica literaria María Xesús Nogueira (unha das primeiras estudosas da súa obra), coautoras de Volveredes brindar por min. Unha biografía de Begoña Caamaño, acabada de saír do prelo.
As personaxes de Begoña Caamaño toman corpo e presenza na pantalla en cápsulas dramatizadas. Lucía Costas Pérez, Sabela Pereira Rodríguez, Alba Rocha, Daniel Vicente Ferreira e Julio Alonso Rodríguez, estudantes da ESAD Galicia, interpretan fragmentos de Circe ou o pracer do azul (2009) na praia de Barra e levan á escena a Sherezade, a narradora das Mil e unha noites, arredor da cal a escritora pretendía pechar a súa triloxía sobre os mitos. A bailarina Elsa Pereira é quen se converte na protagonista de Morgana en Esmelle (2012), acompañada pola narración na voz da propia Begoña Caamaño nun dos documentos sonoros do arquivo da CSAG que se integran no filme.
Cóntase ademais coas nenas Helena Rodríguez Otero e Laura Diniz Fontán, da escola de teatro Imaxinatea Labcreativo de Vigo, nos papeis de Begoña Caamaño e a súa amiga Maika Aguado na infancia. A praia do Tombo do Gato é nesta pasaxe o espazo de maxia e liberdade que rememora a voz en off de Maika Aguado nunha conmovedora lembranza que identifica na nena que foi Begoña Caamaño o agromar da creadora na que se convertería.
A película documental dálle tamén voz á mocidade en relación cos grandes temas da obra literaria de Caamaño, o seu exercicio como xornalista e mais o seu activismo. O IES Castelao e o IES Alexandre Bóveda de Vigo son deste xeito parte dos escenarios de reflexión das novas xeracións, así como do club de lectura que tamén aparece no filme. 
O antigo Instituto Coia 2 foi precisamente o pasado 10 de abril escenario da primeira presentación do documental, no marco do acto de homenaxe do centro educativo á autora. A RAG tamén elixiu outro centro educativo vigués, o CEIP O Pombal, no barrio da infancia de Begoña Caamaño, para a presentación de Primavera das Letras. An Alfaya, compañeira no Coia 2 e na carreira da homenaxeada, asina a historia para o público infantil sobre a autora que pode descargarse na web do proxecto, un texto teatral, para ler e representar dentro e fóra das aulas, que ilustrou Laura Romero. A cidade natal da autora acollerá ademais, xa en outono, o Simposio das Letras Galegas 2026.
Pleno extraordinario do 17 de maio e propostas nas Rede
O acto central do Día das Letras Galegas será no Teatro Principal de Santiago de Compostela, a cidade onde Begoña Caamaño viviu dende 1992, cando comezou a traballar na redacción central da Radio Galega, ata o seu pasamento en 2014, vítima dun cancro. A sesión extraordinaria comezará ás 12:00 e contará con tres alocucións académicas sobre a literatura e o xornalismo de Begoña Caamaño a cargo de Ana Romaní, Marilar Aleixandre e Víctor F. Freixanes. A música en vivo correrá a cargo de Sofía Espiñeira e pechará a sesión o presidente da RAG, Henrique Monteagudo. O público que asista será agasallado coa publicación conmemorativa Begoña Caamaño presenta Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle, que reúne dous textos da autora sobre as súas dúas novelas, dispoñible xa en versión dixital na web da RAG. A RAG organiza a celebración co apoio do Concello de Santiago de Compostela, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.
Alén dos actos presenciais arredor da figura e o legado de Begoña Caamaño, a Academia reforzou a divulgación na Rede. Ademais do documental e o mencionado proxecto Primavera das Letras, está a producir a serie de reels É o tempo de Begoña Caamaño e acaba de estrear o seu primeiro videopódcast, Colchas de voces, no que se abordan asuntos que preocuparon e ocuparon a Begoña Caamaño escritora e xornalista, a activista e a amiga. As convidadas do primeiro episodio son as integrantes do dúo musical Fillas de Cassandra, que comparten con Begoña Caamaño a súa revisión feminista e creativa da mitoloxía clásica.