A RAG e PuntoGal convocan o IX Concurso de Microrrelatos
venres, 30 de xaneiro do 2026
Acadar a máxima expresión no mínimo número de palabras é toda unha arte da escritura que a Real Academia Galega e PuntoGal veñen promovendo desde 2018, cando botou a andar o seu Concurso de Microrrelatos. O certame volve abrirse este mes de febreiro na que é xa a súa novena edición animando a participar a persoas de todas as idades.
Cadaquén pode concorrer con ata dúas historia dun máximo de 200 palabras na categorías que lle corresponda: infantil (ata 11 anos), xuvenil (de 12 a 17 anos) e adultos (a partir dos 18 anos). Todos os detalles da convocatoria poden consultarse en relatos.gal onde está habilitado o formulario para presentar os relatos ata o 28 de febreiro.
A arquiveira bibliotecaria da Real Academia Galega, María Dolores Sánchez Palomino; o presidente de PuntoGal, Manuel González González; e a editora de Luzes, Ana Cermeño, presentaron este xoves 29 de xaneiro na Fundación Luis Seoane a nova edición do concurso, no que ata o momento participaron máis de 7.000 persoas e resultaron premiadas 68.
Os textos gañadores poden lerse nas edicións dixitais dispoñibles na sección de publicacións de academia.gal, en relatos.gal e na versión en papel de Luzes, que cada ano publica ademais os finalistas.
Entre os contos distinguidos polos xurados figuran escritoras e escritores amadores canda autoras e autores que en ocasións atoparon nesta iniciativa un dos seus primeiros recoñecementos públicos, entre eles Nee Barros (2002) ou Alba Guzmán (2003), debutantes serodios no mundo editorial como Paloma de Toro (1985) e Carlos Neira Suárez (1950), ou Héctor Cajaraville e Marta Villar, gañadores do Premio Xerais 2015 e 2024, respectivamente.
“A Real Academia Galega está moi satisfeita de promover, xunto a Dominio Puntogal, este concurso de microrrelatos que está calando fondo na sociedade galega, como demostra o incremento da participación nel ano tras ano”, salientou María Dolores Sánchez Palomino, salientando que “o concurso sirva para espertar vocacións literarias en todo tipo de público, e de que o faga mediante o emprego do galego, especialmente entre as xeracións máis novas, que representan o futuro da lingua”.

- Ana Cermeño, María Dolores Sánchez Palomino e Manuel González González
O presidente de PuntoGal subliñou igualmente a importancia da participación do público máis novo: “O concurso de microrrelatos de PuntoGal e a RAG é un lugar de encontro de creadores en lingua galega interxeracional, no que participan xentes de todas as idades: netos e avós ou mesmo bisavós. Pero a min gustaríame salientar neste momento a participación dos máis novos. Cada ano son máis os nenos e nenas, mozos e mozas que, especialmente a través dos centros nos que están a estudar, presentan os seus textos a este concurso. En non poucos casos é a primeira vez que escriben textos creativos en lingua galega con pretensión literaria, e isto énchenos de satisfacción, porque este concurso se está a converter nunha escola de escritores en lingua galega”.
Ana Cermeño abundou neste propósito: “En Luzes defendemos a nosa lingua, e apostamos —xunto a PuntoGal e a Real Academia Galega— polos escritores deste concurso de microrrelatos porque cremos na necesidade de impulsar e apoiar aos creadores que sintan en galego en calquera parte do mundo”.
Campaña de PuntoGal
PuntoGal celebra o noveno aniversario do concurso de microrrelatos cunha promoción excepcional que permite facerse cun dominio .gal por dous anos por menos de 15 euros (máis IVE). Don Dominio, Dinahosting, Openprovider, INWX e OwnRegistry son os rexistradores que se suman á promoción.
A imaxe promocional do IX Concurso de microrrelatos da RAG é PuntoGal é unha adaptación da intervención que Diego Linhares realizou no expositor de PuntoGal na última edición do Culturgal, titulada Raíces e Cultura. Pintando redes. Esta obra parte da idea dun ser que medra e que se estende, que desfruta do proceso e de compartir a súa existencia con outros seres.
